Onte, á última hora do día, era un clamor en Ribadeo: hoxe, venres 15 de novembro de 2014, Ribadeo vería rematado o novo PXOM coa sinatura final.
Era 1977, é dicir, 37 anos fai, cando o anterior plan de ordenación municipal, con moitos menos requisitos e ben diferentes circunstancias daba o seu paso final. É dicir, non unha, senón cáseque dúas xeracións de ribadenses atrás.
E ben, agora saberemos dos entresixos reservados ata o momento ós nosos mandatarios? En moitos casos, teremos a oportunidade. Noutros, case seguro que esa oportunidade poderase dicir que chegou tarde.
O recorrido foi longo: houbo un intento xa no século pasado que pereceu, outro co anterior alcalde que non chegou a bo fin, e, tras outros sete anos, o que agora remata. A sinatura, esta mañá na casa do concello, será todo un acontecemento. Aló irá moita xente. Outros teremos que traballar para preparar ese futuro posible que está escrito no documento, sexa cal sexa a redacción final do mesmo. Non o digo con acritude nin con ganas de ir, senón cun sorriso que expresa un feito, algo natural, ‘típico’.
De aí en diante, que variacións lle esperan? Algunha intervención xulgado por medio? Interpretacións diverxentes quizais? Algunha reforma substanciosa en pleno? Ou ben habería que preguntarse sinxelamente que duración/vixencia vai ter? Ou debemos cruzar os dedos para que un plan no que non aparece unha definición clara de Ribadeo faga a súa función cos se si aparecera? Ó fin, con visión clara ou non, logrouse un consenso, e parece que debemos dicir benvido sexa.
A imaxe, do Sigpac, presenta o ‘Ribadeo prePXOM 2014’.
—
Nota posterior do concello: http://ribadeo.gal/actualidade/nova.php?id=1668&lg=gal
E, como non cabe en comentarios, copio a entrada que o propio alcalde deixou na rede:
A longa carreira do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ribadeo
As reflexións que me veñen á mente neste emotivo momento son propias
dun simil dunha carreira, mais non dunha milla da San Silvestre de
Ribadeo, nin sequera da Media Maratón das Catedrais, senón dunha
auténtica Maratón de Nova Iorque. Na primeira parte da mesma, todo foi
un desbaraxuste. O equipo, neste caso a Corporación, non estaba
coordinado, polo que todo ía mal. É certo que naquel momento estábase a
vivir aquela tolura colectiva que logo se deu en chamar a burbulla
inmobiliaria. Houbo moitos momentos en que se pensou en abandoar aquela
carreira.
Logo de todo aquilo veu a segunda parta da proba. E con
aquela burbulla estoupada voltou a cordura e por fin conseguimos a
coordinación e o traballo en equipo até acadar a meta que é hoxe. Todos
os grupos da Corporación e por riba disto as persoas desta e da anterior
corporación. Unha enorme complexidade na súa tramitación. Poucos Plans
urbanísticos de todo o país teñen o nível de dificultade que tivo este
para un concello de 10.000 habitantes con dezaoito informes sectoriais.
Aquí está o traballo condensado de tanto tempo. Tantas xuntanzas (con
encontros e desencontros aínda que os primeiros foron a tónica nestes
últimos tempos), tantas viaxes a Patrimonio, a Urbanismo, a Portos, a
Augas, a Estradas da Xunta, a Estradas en Lugo, en Santiago, en Madrid, a
Eptisa na Coruña, con xuntanzas interminables no Concello cos técnicos
xunto cos voceiros dos grupos que se pausaban para xantar (un menú do
día) e que se reanudaban de seguido para avanzar na súa tramitación.
Quizais non sexa o mellor dos Plans, quizais non sexa o mais ambicioso
de canto puidemos ter parido, pero todo, no seu conxunto, está presidido
polo ánimo de facer ben as cousas, de estaren adaptadas ás leis
vixentes e de conseguir as maiores dotacións publicas posibles para uso e
desfrute de toda a veciñanza, xa desde agora mesmo así como nos
vindeiros anos.
Este Plan Xeral de Ordenación Municipal ten presente
os obxectivos de un crecemento sostible, de obtención para a
colectividade de espazos públicos, de novas zonas verdes e dotacións
publicas que non viu Ribadeo e practicamente en boa parte do século XX e
do que vai deste XXI, xa que debemos lembrar que os espazos públicos
mais importantes do Ribadeo de hoxe veñen de mais atrás, do século XIX
como o atestemuña o Parque de San Francisco, a praza do Cantón, etc.
Queremos que nas novas promocións de vivendas se destinen un mínimo dun
trinta por cento a vivenda protexida (vpp); queremos que as novas rúas
que se constrúan teñan uns anchos mínimos e dignos; que os edificios
teñan normas de habitabilidade que fagan cómodo o seu uso; que en moitas
das mazás de Ribadeo se poidan facer parques, espazos públicos, pistas
deportivas ou de atletismo, etc. etc.; queremos que existan novas
rotondas e avenidas que conecten mellor o tramado urbano e a súa
conexión coa autovía A-8. Queremos que nas parroquias se atope unha
harmonía entre a lexítima querencia de mellora e ampliación coa da
preservación do patrimonio. Queremos que Ribadeo medre con xeito, pero
que ao fin e ao cabo, medre.
Grazas á equipa redactora Eptisa,
aos técnicos do Concello. Pido desculpas polo meu carácter, no que ás
veces podo ser algo rallante de mais, dado sobre todo por tantísimos
anos de tramitación deste Planeamento. Grazas aos e ás membros desta
corporación e da anterior, tanto do goberno como da oposición. Sempre,
como todo na vida, habería que facer algunhas excepcións, pero eu non as
vou facer, porque simplemente a forza da maioría e da boa fe da
práctica totalidade nesta e na anterior corporación fixeron posible esta
aprobación definitiva.
Grazas tamén, como non á Xunta de Galiza,
pois a pesares dos desencontros que poidamos ter noutras cuestións
importantes para Ribadeo, non detectamos mais que colaboración técnica e
políticas, nesta e en anteriores lexislaturas. Sabendo que era un plan
moi complexo pois ao final tivemos que aceptar, adaptar e corrixir
cantos aspectos se nos foron indicando. Estou convencido de que todo
isto ha supoñer unha maior fortaleza xurídica e técnica deste Plan Xeral
de Ordenación Municipal.
Parabéns a todos os veciños de Ribadeo,
aos da miña xeración e aos mais maiores, aínda que especialmente aos que
veñen detrás nosa, para que coa paseniña execución das directrices que
marca este novo Planeamento, á volta duns anos estes nenos e nenas
convertidos na xente que tutele o futuro do noso Concello poidan ser
depositarios e desfrutadores dun legado de urbanismo racional e sostible
para maior honra todos.
Ribadeo, 14 de novembro de 2014. (Data da sinatura da aprobación definitiva do PXOM de Ribadeo)
Fernando Suárez Barcia
Alcalde de Ribadeo