Ben, non sei se servirá como lema ou non, pero sei que cada certo tempo, en particular no verán, vánseme quedando adiadas novas sobre actividades diversas en Ribadeo. Máis ou menos, a cousa é que as vexo interesantes, cando podo, vou (hai veces que é imposible, e xa non por causas persoais, pois hai varias a un tempo) e tomo nota por escrito, gravación ou sinxelamente nota mental para facer unha entrada no blog. Como teño dende hai tempo a adicación ó blog limitada por imposición persoal, non dan saído, e remato descartando a grande maioría ó cabo dun tempo.
Vexamos. Por exemplo, esta fin de semana remata a exposición Captus (segundo o cartel, e quizáis por ser captura de imaxe)/Cactus (por ser fotos de cactus… e non explico máis, que o tema vai doutra cousa) no forte de San Damián, e onte houbo actuación percusionista no cine, pero antes foi a presentación das próximas xornadas de Automoción e exposición de coches antigos, o que terá lugar nos ultimos días do mes. Hoxe, de novo Amadores propón un concerto de banda+churrascada, pero antes no parque terá lugar o mercado das Perseidas (a próxima noite do domingo será o punto álxido da choiva de estrelas Perseidas, como tódolos anos) e logo actuación de Remakers. Esta fin de semana tamén é a malla das Anzas, e remata a Semana Náutica… e poderiamos seguir. De aí, Ribadeo, vila activa. Ou non?
Aínda onte, nunha actividade, comentábao cun ‘cargo’ de fóra de Ribadeo, e estaba de acordo, outorgándolle a maior densidade de actividades culturais da provincia (densidade, que en número total debe ir algo por diante Lugo city)
… por certo, que gusten ou non as actividades, iso depende, sempre hai gustos.