Hai dez días, na xuntanza da Mesa de Asociacións do Concello de Ribadeo xurdiu unha idea que despois -mea culpa- vexo que non foi recollida no resume de traballo para a xuntanza co alcalde. Coméntoa aquí, comezando dicindo que todo o mundo sabe que o edificio máis ó sur oeste queda en pé.
Pois ben,a proposta que xurdiu na Mesa de asociacións foi que ese edificio, que polo momento non ten unha finalidade que se saiba, sexa destinado a un centro para mulleres maltratadas. Coido que antes de levar a cabo a proposta sería necesario un estudo. Pero o mesmo que non me parece nada mal que unha residencia de anciáns estea á beira mesmo do barullo que ten en certos momentos un centro educativo de ensino medio, podendo xerarse unha comunicación e colaboración entre ambos que beneficie non só ós seus ocupantes, senón a todo o pobo (outra cousa é que dita colaboración xurda ou se aproveite, iso está aínda por ver), o mesmo, digo, me parece que un centro de acollida para mulleres maltratadas pode ser bo compañeiro dunha residencia de anciáns, xerando beneficios para ambos.
Será ou non? Quen o sabe? Sinxelamente, espallo unha idea que non me parece mala.