Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Algo do extranxeiro


Agora resulta, a días das europeas, que un ‘partido minoritario’, deses que segundo Mariano Rajoy, votarlles é perder o voto, vence nas eleccións municipais gregas, despois de converterse no segundo partido no parlamento e ser creado hai pouquiños anos. Isto, pola esquerda. Pola dereita, rematan as municipais francesas cun ascenso que deixa á ultradereita nunha posición cómoda nos primeiros lugares, despois de moitos anos como ampliamente minoritaria e un espertar de hai poucos anos.

Hai abondos máis casos, quizáis non tan relevantes de xeito recente, pero indicativos. E, nesta situación, é normal lembrar que Hitler subiu ó poder co 33% dos votos emitidos, como un aviso do que pode pasar como algo ‘desagradable’. Non contan as crónicas de outras situacións ‘desagradables’ por voto semellante á esquerda, aínda que seguro que as hai, repetibles asemade. Pero tampouco fan fincapé en que a situacións extremas (políticas) chégase forzados pola mesma política, como o abandono do poder do pobo ou o secuestro do poder por algunha minoría. Tampouco se di que nas épocas de incertidume córrense grandes perigos , fáise fronte a grandes desafíos, pero tamén se constrúen os grandes éxitos. E silénciase. Siléncianse ou tentan desprestixiarse casos como o tratamento da débeda por Islandia ou a transformación pacífica do Uruguai; casos que pretenden avanzar cara á igualdade son atacados de xeito internacional non tanto por nacións como por intereses económicos e as relacións políticas coas que manteñen lazos…

E nós, a días das europeas, contemplando este panorama ó tempo que captando o ridículo dos grandes partidos facendo colar gato xa non por lebre, senón por lagarto, ou aniquilamento propio por estratexia de gran política.

Só para pensar un pouco máis…


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *