De novo, Ribadeo era unha festa. Irresumible en conxunto, só unhas pinceladas para deixar constancia dalgúns detalles lúdicos, comerciais ou mesmo relixiosos:
* de novo o pobo encheuse e fixo bo tempo para pasear e paseouse
* mercado de rúa o sábado, con rúas variopintas e xente curioseando
* contra a violencia machista, xornadas feministas. Non só feministas, pero de xeito maioritario, celebráronse o venres e o sábado
* e contra o uso interesado do cancro de mama para impoñer radiografías, charla (con cheo incluído na Casa do Mar) o venres
* sábado, a igrexa mobilizada para ir de peregrinación a Vilaselán con flores a María
* Sábado, primeira das charlas Ribadeo a Debate, a cargo de Xosé Carlos Rodríguez Rañón, Ribadeo de fóra por un de dentro
* partido: o Ribadeo proclámase campeón da súa categoría, despois de ter asegurado o ascenso
* domingo á tarde, os maios retornaron a Ribadeo, cunha celebración que se quixo popular no Campo
* domingo, teatro para rematar a semana
Non está nada mal para un núcleo urbán como o de Ribadeo, e coido que aínda me deixo algunha actividade. Casualidade? Pois non: a próxima finde é a das letras galegas, por exemplo. E a anterior, pote de primeiro de maio, tampouco estivo nada mal. Nin a a anterior, nin a semana santa, …
Ven a conto de que alguén me comentafa hai non moito que en Ribadeo non había actividade e había quen se ía por falta de posibilidades alternativas ó que fai a maioría. Daquela lembrei as posibilidades de actividades durante a semana, piscina ou atletismo, ciclismo ou fútbol, pintura ou idiomas, música en diversas opcións ou tenis, patinaxe ou baile, entre outras (non é doado lembralas otdas). Unha variedade de posibilidades que veu corroborar de xeito independente e por casualidade Xosé Carlos Rodríguez Rañón na súa charla, ó comparar as posibilidades de servizos entre unha vila da costa atlántica con máis poboación que Ribadeo e o noso pobo. Por certo, queda para outra unha referenza a esa charla.