Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

O tempo, a temperie


Estas festas están tendo un protagonista: o tempo.

Non o é o Ribadeo FC, co seu centenario, máis que para algúns, mesmo incluíndo o himno (o oficial e o alternativo). Nin a homenaxe que representa outra tandada de adicacións no rueiro, chamativo ou festa para outros. Nin as mesmas celebracións de Nadal, repetidas ano tras ano e convertidas en tópico típico consumista. Non, nin iso nin outros aditamentos, como o pŕoximo concerto tradicional da banda o domingo ou a asamblea de Amadores hoxe (acumulando retrasos, a ver se podo …). O que marca estas festas é o tempo. A temperie, non o tempo do reloxio. As variacións de calma a tempestade e volta. De diluvio a ceos semidespexados. De temperaturas agradables a frío de neve. A ‘cicloxénese explosiva‘ facendo acto de presenza a unhas alturas de ano que incrementan a súa anomalía xa propia.

Falar do tempo é moi recurrido. En Ribadeo, esta tempada, non é un recurso, é a presenza da temperie nas nosas vidas …

Ó remate do ano farei un resume da temperie anual. Despois distes días, é moi posible que o actual volte a erixirse en campión de choiva no século, e de baixas temperaturas medias (aínda que con menor probabilidade) tamén. Pero falta aínda 3/4 días (segundo se inclúa hoxe ou non) para finalizar o ano oficialmente, e unhas horas máis para que a Terra remate de dar esa volta completa ó Sol que se celebra, dende a última volta que se celebrou … (diso, ó mellor, falamos outro día)


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *