Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Comparativa de Ribadeo e o occidente astur. Nota de prensa de O Tesón


O pasado sábado 28 de setembro, dentro das actividades da AVV O
Tesón, tivo lugar unha visita dun grupo de ribadenses a varios
lugares do occidente astur.

En primeiro lugar, o grupo recalou no Castro de Coaña. Alí tivemos
a oportunidade de coñecer cun certo detalle a vida castrexa, e
asemade de facer unha pequena difusión dun dos nosos castros, o
Castro das Grobas, en situación ben diferente ó de Coaña, e do que
se lembrou que a día de hoxe, anos despois das catas e promesa da
difusión do informe correspondente, está de novo a monte.

Despois tivemos unha xuntanza coa xente da Casa Azul, asociación
naviega que procura e promove actividades nun amplo abano, entre
culturais, veciñais, de concienciación ecolóxica ou social, etc.
Como resultado deste encontro, espérase cooperar en diversas
actuacións no futuro.

Máis tarde visitouse o mirador da praia naviega, observando a máis
da paisaxe diversas diferenzas entre a ría de Ribadeo e a ría de
Navia, o seu desenvolvemento e coidado.

Pola tarde, os viaxeiros retornamos despois da visita ó Museo
Etnográfico ‘Juan Pérez Villamil’ de Puerto de Vega. No museo
poidemos observar diferentes aspectos relacionados coa xente, o mar,
a terra e a actividade da zona, e de novo comparar a existencia deste
museo coa falta dun lugar parello en Ribadeo. Falta que segue habendo
a pesar das varias veces que se ten pedido e mesmo ofertado material,
ou habilitado espazos que, de partida, podían ter dado acubillo a
numeorsas pezas que forman parte do noso patrimonio, historia e mesmo
futuro.

En resume, un ano máis, unha viaxe aproveitada non só para
desfrute, senón tamén para poder mirar a Ribadeo con miras máis
amplas.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *