O ouro cambia vontades. E a presión, tamén. Onte aparece no xornal o descobrimento dunha antiga mina de ouro no límite entre os concellos de Barreiros e Foz, que se está a tentar protexer mediante a correspondente petición a Patrimonio. A distancia semellante de Ribadeo, pola outra beira, tamén por unha mina de outro, esta que se vai reabrir, en Tapia dimitiron xa o alcalde (de Alternativa por Tapia) e unha concelleira, a portavoz, do PP. Sempre é posible, no caso tapiego, que sexa unha oportunidade aproveitadapor cálculos dos propios afectados, pero aínda así, a presión do pobo, a parte do propio convencemento polos motivos que sexan, tería posto as circunstancias.
O mesmo que a foto clave de onte, a saída pola fiestra de dúas concelleiras de Ponteareas, que non foron as únicas que escaparon así dunha manifestación polas preferentes, pero xa se sabe, ver escapar unha muller en falda curta por unha fiestra nunha foto engade morbo. Co morbo ou sen el, os políticos escaparon pola presión popular, aínda que hoxe digan que van presentar denuncia.
E a presión social tamén fai xirar a vontade dos políticos noutros temas. Aí está o do hospital da costa, en relación ó que os alcaldes populares emitiron unha nota pedindo que non se cercenaran servizos, e a continuación, a conselleira viu calmar os ánimos, e parece que alomenos nas filas do seu partido, calmounos, pois quedaron caladiños mentras ó resto non os convenceu, todo moi típico. E, cando sigan as presións e marche a conselleira, voltarán enviar outra carta? Verémolo, pero é abondo posible despois da deriva observada entre as promesas e os cumprimentos dos políticos de Santiago en relación á área sanitaria ou ó hospital.
É certo, o ouro compra vontades, pero, ó tempo, estáse vendo que emprégase para enganar, que non é ouro todo o que reloce, que o ouro hai veces que non serve, que se o ouro non se reparte non se come con el, … que as persoas debemos contar máis que o ouro. E con isa perspectiva pouco a pouco están comezando a pasar cousas, mentras a presión social aumenta. Pouco a pouco, pero cun horizonte: continuará.