Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Retroceso en infrastruturas


Leo no xornal de xeito case simultáneo dúas novas. Nunha, internacional, dase conta que México tiña máis de 20 000 km de ferrocarril a comezos do século XX, un método de locomoción revolucionario tanto no sentido propio do transporte fronte a outros medios como no político, ó ser usado polos revolucionarios mexicanos dada a súa importancia. Hoxe, para transporte de viaxeiros, case non quedan liñas. Ó longo do século pasado, van desaparecendo de xeito que hoxe úsanse para o transporte de mercadorías e son aproveitadas polos inmigrantes ilegais que tentan chegar ós EEUU nos vagóns de carga. Pois ben, o presidente mexicano ve o futuro, a necesidade dun transporte que pode ser eficiente e barato, e vai a relanzar a construción de liñas de pasaxeiros. Din que errar é humano, e é intelixente recoñecer os erros e tentar enmendalos.

A outra nova é galega: vótase en Ourense contra o mantemento da liña de ferrocarril Ourense-Sanabria. Con elo, a entrada en Galicia por ferrocarril quedaría reducida á liña do Sil dende a meseta e á liña Vigo-Porto cara ó sur. A FEVE por Ribadeo non conta neste xogo pola incomunicación de anchos de vía. O esmorecemento do ferrocarril en Galicia é claro. O manter unha liña costa, pero tamén é unha decisión política o dinamizar as autovías fronte ás vías, por exemplo, e coido que a modernización da rede para coches fronte á do ferrocarril ten algo que ver no aumento de uso daquela fronte a esta. A este paso, algún día teremos que invertir para revertir este desprezo de infrastruturas que estamos a facer, do que o ferrocarril é só un botón de mostra.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *