Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

A temperie ribadense no 2012


Collido de Física e Química en Ribadeo.

Rematou 2012. Un ano máis, un ano menos, segundo como se mire, sen
grandes excesos meteorolóxicos, a diferenza doutros anos anteriores. Cos
datos recollidos na Granxa-Escola Pedro Murias, pódese trazar unha
semblanza da temperie en Ribadeo o pasado ano

1.Introducción

En
Ribadeo contamos coa estación meteorolóxica da Pedro Murias, que D.
Luciano Zubillaga mantén en perfecto funcionamento na actualidade. Do
pasado, dispóñense de series de datos de diversos períodos, e hoxe,
semanalmente, o mesmo Luciano fai un resume dos datos da estación manual
para a Comarca.

A estación ten dous conxuntos de instrumentos. Un
manual, ó que corresponden os citados datos de diversas épocas, aínda
sen analizar. O outro automático, que foi incorporando instrumentos e
que no que ten relación con temperaturas, comezou a funcionar no 2001,
pero que nos seus comezos non representa un conxunto harmónico por
faltarlle abondos datos invernais ata 2003.

Os conxuntos de datos
de ambas estacións parecería que son intercambiables, pero por cuestións
técnicas só son relativos, o que fai que nun primeiro estudo sexa
preferible ter en conta só un deses conxuntos. Por estar accesibles en
internet ata a actualidade, elixín o conxunto de datos da estación
automática.

2.Temperaturas

A temperatura últimamente soe chamar máis a
atención que outras variables meteorolóxicas por cuestión do cambio
climático. Mais, facendo referencia case exclusiva á temperatura  dun só
ano, non se poden esperar mostras de dito cambio, que implica períodos
de tempo moito máis longos.

2.1. Temperaturas medias diversas.

A táboa cos datos recollidos é a seguinte:

Nela xuntei o resume de datos referentes a temperaturas.

En
negro, na primeira liña, aparece o promedio de temperatura anual dos
anos 2003-2012. En azul, as medias mensuais dende o 2003 ata hoxe mesmo
(por exemplo, os 10,2 ºC de xaneiro corresponden á media de temperatura
de tódolos xaneiros de 2003 a 2012). E na penúltima liña, a media anual
acumulada dende o 2003, que vemos que case non se move, aínda que
poñendo os datos con máis decimais ten unha pequena tendencia á suba

2.2. Temperaturas medias anuais.

Represéntase
abaixo os datos dos promedios de temperaturas anuais, observando que se
ben 2012 foi máis quente que a maioría de anos do século, está lonxe
das marcas de 2006 ou 2011, medio grao por baixo. 

En
conxunto, a temperatura media anual indica diferenzas de medias anuais
de ata 1ºC en Ribadeo, entre o 2010, o ano máis frío, e o 2011, o máis
cálido, tendo o ano recén rematado unha temperatura xusto media entre os
dos anteditos.

A
gráfica anterior é temperatura media anual acumulada, que como é de
esperar vai variando cada vez menos, estebilizándose, aínda que cunha
pequena tendencia a subir.

2.3.Temperatura media mensual.

A
temperatura media mensual ó longo destes últimos anos (2003 en diante)
da unha gráfica que é característica, cun máximo en agosto, seguido de
preto por xullo, e un mínimo en febreiro, seguido de preto por xaneiro,
correspondendo con que as temperaturas diarias máximas se rexistren uns
45 días despois de S. Xoán e as mínimas, uns 45 días despois de Sta.
Lucía.

A
gráfica típica de temperaturas mensuais pode complementarse con outra
que expresa os mesmos datos cunha visualización diferente, na que se
presenta a temperatura media como un curioso óvalo simétrico, inclinado
debido ó desfase entre as máximas/mínimas e os puntos básicos
astronómicos recollidos polo calendario.

 

É
dicir, son os mesmo datos anteriores, expostos nun tipo de gráfica
diferente. É claro o desfase de do máximo de temperatura uns 45 días en
relación ós eventos astronómicos (por exemplo, o máximo de temperaturas a
comezos de agosto, tendo sido o solsticio de verán o 21 de xuño)

 –2ª parte

 –3ª parte


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *