Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Un artigo que enviei: Santo e Mártir


Xa saíu en Crónica 3 hai uns días, e hoxe sae na Mariña/El Progreso:

Santo e mártir

Parece que en Ribadeo, dende a semana pasada, temos un santo e mártir, ó
estilo do santoral clásico. Para compensar, tamén habería un fanático
actuando de mala fe en contra do probe do santo.

A cousa é que Balbino Pérez foi absolto pola Audiencia Provincial
despois de non ter feito caso de máis dunha decea de denuncias á miña
instancia. A raíz diso, un xornal publica declaracións súas nas que
tenta igualar absolución con rectitude e de paso, descalificarme.

Os feitos están aí, recoñecidos, e consultables na documentación do
caso e na sentencia. A confusión na interpretación que se manifesta na
sentenza é consultable asemade. A pesar diso, os primeiros, os feitos,
quizais debido á segunda, polo que parece non constitúen delito. É
dicir, non constitúe delito que un político faga o que fixo Balbino a
pesar de recoñecer que non fixo o que tiña que facer. Ben, ó contrario
da claridade dos feitos, a sentenza non é doadamente interpretable,
ao menos por min, pero remito directamente a ela. Invito á súa lectura e
remito a unha próxima visión dela en internet.

Quédome polo tanto sen comentar máis a sentenza, só o farei polo
momento coas manifestacións de Balbino a conto dela recollidas nalgún
medio. E nin siquera con todas, que non é necesario aínda que ningunha
delas teña desperdicio.

Así, afirma que teño un problema persoal con el, que creo que podo
facer política dende unha asociación veciñal, e en particular na toma de
decisións que corresponden ó pleno.

Por partes: non fun eu quen deixou de tramitar as denuncias, e si
quen tentou solucionar a situación en diferentes ocasións, pedindo
reunirme co el e avisándoo do que estaba a facer, e que o estaba a facer
mal. Tampouco fun quen no alegato final do xuízo sinalou con cabeza
baixa (polo que parece agora esquecida) que sentía se tiña feito dano a
alguén coa súa actuación. Así pois, cabería dicir máis ben que Balbino
ten un problema persoal comigo: intentar calarme. Por outra banda, non
comprendo como di que ten tanta xente con problemas persoais con el, xa
que noutros lugares das súas declaracións engade máis persoas coñecidas
no pobo e cita ata dez casos xudiciais, de todos os cales parece ser que
logrou saír absolto, sen castigo.

Sobre o de facer política, coido que o emprega como se un arma
arroxadiza se tratara, descalificando con elo ademais ó resto de
participantes nas directivas coas que compartín a honra de tentar
xestionar de xeito adecuado a asociación de veciños O Tesón (por certo,
nunca como presidente). A dicir disto que só os políticos que tentan
facer un coto vedado da política discuten que todas as persoas temos non
só o dereito, senón o deber, da participación política. Algo que axuda a
distinguir as persoas doutros animais como os borregos. Sen necesidade
de ‘usar’ unha plataforma de veciños, acusación que quizais veña dada
por unha desgraciadamente estendida costume de facer uso de diversas
entidades mediante a súa manipulación dende postos de poder.

En canto á interferir nos plenos, teño curiosidade en saber como se
podería facer dende os xeralmente pouco concorridos bancos ou sen
asistir a eles. Teño curiosidade porque das súas verbas parece deducirse
que el si sabe como pode facerse. Mesmo intúo momentos nos que puido
facelo.

Fala da petición de 30 000 € por dous anos de denuncias escamoteadas
incumprindo o seu deber. Só unha comparación: foi el o que reclamou máis
de 12 000 € (a parte de outras partidas que non lle foron retiradas e
que polo tanto, enténdese que seguiría a cobrar) por emolumentos de
menos de dous meses de mandato nos que estaría cumprindo as súas
obrigas. E por certo que os conseguiu! Ademais, non foi el quen fixo
célebre en Ribadeo coas súas intervencións nos plenos a frase ’será por
dinero?’

Acúsame de actuar de mala fe. Se defender os meus dereitos é actuar
de mala fe, si, actuei así. Se defender a paz dos meus é actuar de mala
fe, si, son culpable. Se darlle anos de oportunidades de rectificación é
actuar de mala fe, entón declárome culpable de ser un inocente e crer
nas persoas, mesmo naquelas nas que non debera.

Para xustificar a mala fe, fala de que o denunciei como persoa
particular e non como alcalde. Pois si, resulta que non denunciei ó
concello, que é o que parece el tería querido, e que segue castigado
polo tema do ruído nocturno dende o 99, senón a el como responsable.
Considero que non é o concello como entidade representante do pobo o
responsable de que non se traten as denuncias e teña que sufrir as
consecuencias. Nin a súa estrutura, así, en abstracto. Nin o pleno, que
non traslada papeis. Non, coido que non son o posto nin a cadeira os
responsables, senón a persoa que os ocupa. E que esteamos afeitos polos
medios a sufrir resolucións que admiten feitos pero exoneran de
culpabilidade non me fai cambiar de opinión. Para entendérmonos: coido
que no seu momento había un dereito de pernada, xustificado daquela
dalgún xeito pola lei e o poder que a impoñía. Xa non: non o hai na
actualidade e non está xustificado legalmente.

Collo para rematar unha cita recente que se pode atopar en internet:

“Los derechos y las libertades no son gratis. Costó mucho
conseguirlos y costará también mantenerlos. Hay que ejercitarlos. Hay
que defenderlos. Hay que luchar por ellos. Hay que unirse para hacerlo y
hay que ayudar a los que lo hacen, aunque a ti en ese momento no te
afecte. Y hay que estar dispuesto a perder algo para defenderlos.”

Os feitos están aí. Os dereitos, hai que seguir a defendelos. Os de todos.

Antonio Gregorio Montes


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *