O pasado sábado 20121222 tivo lugar a asamblea anual ordinaria de Amadores da Música. Aprobouse de xeito unánime a acta anterior e as contas, que inclúen case 26 000 € de gastos e un saneado balance no que aínda non están incluídos os recibos dos socios deste ano. Detalláronse asemade no apartado de gastos diversas axudas.
Fíxose tamén unha relación de actividades pasadas e as que se pretenden no futuro, comezando estas polo concerto ‘aquí como en Viena 2012’, o próximo día 29 (antecedido dunha saída) e salpicando as actuacións xa pasadas doutros feitos, como a xuntanza en Cabanela este verán, a edición en curso do DVD do 20 aniversario ou a lembranza dos novos músicos incorporados.
Pedíronse ideas para levar a cabo, e déronse. Unha morea. Dende colaboracións coa coral ou algún grupo a concertos didácticos nos centros educativos, pasando por concertos conxuntos con outras bandas.
De calquera xeito, dende o meu punto de vista, o tema estrela foi unha novidade proposta dende a propia diretiva, un proxecto participativo a medio prazo no que se constituirían dúas mesas de traballo, unha artística e outra socioeducativa, que levarían a cabo de xeito independente cada unha un par de xuntanzas de diagnose e outro par para perfilar a estratexia posterior. Sería unha acción a incorporar de xeito sistemático no futuro, na que polo momento participaría xente da directiva, músicos, socios, profesores da escola, concello, asociacións culturais … en xeral, xente involucrada dalgún xeito, incluíndo o que se entende por stakeholders, os ‘mantedores de opinión’ que poderiamos chamar opinadores cualificados. Pedíronse voluntarios para levar o proxecto a cabo. De xeito natural, o proxecto completariase cun plan de difusión.