Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Proposta para un día de reflexión


Achégase o que se chama fin da campaña, e antes do día das votacións, hay teoricamente un día de reflexión. Teóricamente porque os carteis seguen (en Ribadeo aínda hai varios das eleccións pasadas, a estas alturas xa para escarnio do candidato correspondente), as novas non deixarán de lembrar ós candidatos, etc.

Ben, se se quere pasar da teoría á práctica, e se conta con ganas e posibilidades, propoño a ruta do ferrocarril.

O día podería comezar tranquilamente lendo algo como isto, pero tamén se podería pasar do trámite, pois a proposta fai reflexionar. Para quen esteña descolocado, a ruta do ferrocarril é un tramo de vía verde que aproveita as vías do antigo tren do mineral que unía A Pontenova con Ribadeo, transitable andando ou en bici sen dificultade algunha. Está convertido en vía verde só nuns 12 km entre a Pontenova e Santiso de Abres, pero hai xa máis dunha década que se pretende (mesmo con estudo xa realizado e a estas alturas aínda descoñecido popularmente: cousas da información á cidadanía) chegar a Ribadeo. Coido que a paisaxe paga a pena, e que é unha mágoa quedarse só co tramo recuperado.

Ben, como antiga vía, temos asegurado que non hai desniveis, e recórrese con facilidade como apuntei antes. Na parte recuperada hai algúns carteis, lembrando algún a existencia de mineral de ferro en Vilaoudriz, que serviu como motivo para construír a vía por unha compañía que naceu no país vasco, a onde se exportou o mineral mentras foi rendible, sobrevivindo a liña máis tempo e rematando por abandoarse, arrincarse, pasar en parte ós veciños, servir como zona de ampliación da estrada, … É dicir, como resume do que podería ser a parte primeira, capital foráneo usa a zona como fonte de materias primas e cando xa están esgotadas, váise e deixa as infraestruturas, que rematan por perderse.

Recupérase cousa de un tercio do recorrido, e mesmo se lle mete luz mediante paneis solares e sensores ós túneles. Vano intento, pois unha e outra vez as lámpadas son roubadas, como dilixentemente di a encargada da oficina de turismo da Pontenova cando se lle avisa de que non funcionan as luces.

O tramo recuperado funciona entre Galicia e Asturias, e ese cambio administrativo nótase no coidado, e non só porque a maioría do tramo galego esteña asfaltado aínda sendo unha vía verde.

Se se ven cara a Ribadeo, despois de chegar a Santiso, hai un cachiño no que a vía se intúe, pero non está practicable, e logo volta a haber outro tramo (un quilómetro máis) no que un camiño de uso forestal fai preguntarse por que non o rotulan, lle botan un pouco de grixo e aumentan así a ruta. Remata bruscamente perto de Ría de Abres, colonizado polos eucaliptus e desfeito, pero deixando facilmente continuable o paseo nun tramo chan doutro camiño despois dun pequeno desnivel.

De alí ata Ribadeo, os restos son visibles sempre preto da veciñanza da estrada, mesmo con curtos tramos recorribles ben por estar integrados en camiños ben por descuido, como o tramo que comeza/finaliza no túnel de Porto, á beira do comezo da estrada que vai a Santalla de Vilaosende e que cunha linterna e preparados para monte, permite unha exploración abondo significativa do que son moitos tramos do recorrido non recuperados, ata que remata bruscamente por riba da estrada que lle comeu o terreo.

Despois aínda do tramo citado, a ponte sobre o esteiro do río Grande, aproveitada para a traída de augas a Ribadeo, ou o tramo case sen inclinación de camiños entre a antiga estación de Ribadeo en ruínas e Ove dan outra idea de usos do antigo medio de comunicación, ó tempo que brinda a visión da construción dunha nova vía, a do actual FEVE, a carón da vella, no que se ve como unha duplicación á que hai que buscarlle o sentido…

Na zona de Ove non é difícil seguir o rastro máis aló do asfalto, mesmo con taludes aínda transitables e desaproveitados mesmo por actuais rutas de camiñantes.

O ferrocarril do mineral conta con estudos e publicacións a el adicadas, pero a súa recuperación como vía verde non impide que o seu aproveitamento actual, un día de ponte como o pasado sábado, sexa o tránsito dalgún deportista suando e varias persoas en plan ruta do colesterol. Non sempre é así, pero lembra o dito aquel que indicaba hai cousa de medio século que un alemán preguntaba sobre os toxos que cobrían o monte á beira dunha estrada: ‘que é iso?’. ‘Son toxos’. ‘E para que serven?’. ‘Para facerlle a cama ás vacas’. ‘Pois se se aproveitaran doutro xeito, as vacas poderían durmir en leito de ouro’. Certo que a historia do alemán, que me chegou por un familiar e da que non sei a súa orixe, admite máis dunha interpretación (por exemplo, a dun desarrollismo a ultranza e por riba do que faga falta), mais pode servir para rematar a reflexión sobre unha ruta bonita pero desaproveitada, sen finalizar, roubada e mesmo parece que deixada da man de Deus. Como Galicia.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *