Ribadeo é persoa maior. Como tal, moitas ilusións e proxectos vánse quedando no tinteiro.
Lei de vida? Si, inexorable, pero non invariable para cada un dos
proxectos, pois está visto que se se deixa, o número de proxectos
inalcanzables chegará ó infinito, mentras que con acción o número dos que se vexan perdidos baixará tendendo a cero. Naturalmente, ambos como límite: sempre pode xurdir algún de carambola, sen comelo nin bebelo, e algún outro será inalcanzable como na canción infantil o de ‘quisiera ser tan alta como la luna’ …
A lotería de O Tesón reivindica algúns dos proxectos para Ribadeo que nestes momentos están pendentes. A casa dos xulgados, da que teño falado no blog a conta do seu estado e falta de mantemento, sirve como fondo este ano a catro reivindicacións de calado que se pretende que non se esquezan.
A primeira, a residencia de maiores, é unha necesidade que se vai ver incrementada pouco a pouco, pero que non pode ser enchida de calquera xeito: se non hai cartos por parte das familias e a residencia non se subvenciona, os maiores quedarán nas casas, por imposibilidade material, aínda que haxa unha flamante residencia á que non poidan acceder. Logo é unha reivindicación que non se trata de encher nin só con promesas nin só cun edificio. E que cada vez é máis acuciante.
As vidrieiras seguen nun impasse dende hai tempo: parece como se todas as forzas vivas deixaran o tema en barbecho, meténdose todo o máis en vericuetos que á cidadanía importan só de xeito secundario, e esquecendo que se non se investiga e se asignan culpabilidades e castigo, voltará a suceder con calquera outro ben público. Mentras, polo que parece os anacos aínda conservados seguen nunha carretilla.
O xulgado? Mondoñedo móvese defendendo con unllas e dentes a institución que ten alí sé. Viveiro non lle vai moito á zaga, contando coa súa potencia comarcal. Din que a río revolto, ganancia de pescadores, e agora mesmo o mapa territorial do eido xudicial está revolto, pero Ribadeo non se puxo a pescar, se exceptuamos ó Tesón. E, se non hai pescadores, a pesca non aparecerá no prato por arte de maxia. O prato estará vacío.
A ría de Ribadeo … oficialmente, chámase así, e é algo máis que un nome: é un símbolo de adicación á ría que Ribadeo está a perder pouco a pouco, comezando polo seu desentendemento do uso do propio nome. Coido que en Galicia sabemos ben da substitución de nomes por alcumes, e o que significa en cada un dos casos. A ría de Ribadeo leva anos loitando por seguir sendo ría de Ribadeo. Tamén leva a nos loitando pola súa conservación …