Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Cidadáns ou traballadores? Paganos sufridores.


Despois dos últimos tempos, non é unha pregunta banal. En Ribadeo levamos esperando un estatuto de participación cidadá moito tempo (algo que, sendo cidadáns, sería estrutural, dende o primeiro momento de constitución dos concellos democráticos) e sinxelamente, está parado despois de comezar a súa andadura para aprobación totalmente sesgado a favor das entidades, en particular, empresariais.

Por outra banda, un día si e outro tamén, estase a falar polos nosos representantes políticos en Madrid da ‘Marca España’, ‘empresa España’ ou da ‘débeda per cápita’, do custe dos servicios abondo máis que da calidade, das decisións que toman pero non do contacto cos cidadáns nin siquiera das razóns de por que as toman ou de como pode afectar á xente, e así sucesivamente.

Claro que, cun parado cada catro posibles traballadores, falar de traballadores é algo de máis, pero os eufemismos chegaron xa hai tempo ó de ‘traballador parado’, e aí seguen. Claro que se entende que na estrutura dunha empresa, os traballadores son iso, traballadores sen máis dereitos que os laborais (que cotizan á baixa, máis en situación de monopolio empresarial) mentras que a empresa é doutros, dos propietarios. E no caso da Empresa España, a estrutura leva camiño de España S.L. máis que de España S.A.

Por certo, voltando á casa, Ribadeo parece que ten inaugurada xa unha nova rota turística: a das pintadas ó auga da billa. Comezaría No propio concello, con pintadas laterais frecuentes, e pasaría a ver primeiro unha vista superior e logo, baixando, lateral, da gardería con auga da billa por aforro recente, seguindo en descenso cara á Atalaia, onde se poden aprezar as pinturas murais dos vándalos, para seguir despois … non vou detallar toda a rota. O da auga e as pinturas tráeno hoxe o xornal. E polo que se ve, os das pintadas son cafres repetidos, pois non é a primeira volta que na capela da atalaia aparecen pintadas diversas. En canto ó da auga, con petición de sinaturas polo medio, habería máis que falar por aquelo que os picariños beberon durante milenios auga sen embotellar, e non teño nada claro que a auga embotellada sexa mellor en xenérico que a da billa (de feito, parece ser que máis ben é o contrario), aínda que si hai periódicamente episodios en Ribadeo nos que a auga ven turbia, e coido que sería cousa de evitarllos.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *