Unha entrada sinxela para un fin de semana máis … coido que dende o pasado xoves a martes tódolos días hai algunha cousa cultural/participativa. Aí están, A Mariña para igualdade cas súas actividades, o concello, a reclamación de participación para a construcción da residencia de anciáns mañá domingo, ou cousas de máis lonxitude e variedade, como ocorre nas xornadas de violencia de xénero. Total, comentábame alguén onte que en Ribadeo non se aburría, aínda que haxa sente que diga que non hai nada que facer.
A esa xente que o di, coido que habería que darlle un consello, ou dous. Un, que tente organizar algo que lle encha. Seguro que o tempo se lle queda escaso. E, como a anterior é unha alternativa radical, unha segunda máis repousada: que tente enterarse das cousas que hai en ribadeo, que semana tras semana, no auditorio Hernán Naval, na Casa das Letras, no salón da Casa do Mar, no salón da casa sindical, nos lavadoiros … ou mesmo ó aire libre se organizan. E si, todos-todos os días non hai actividades, pero para compensar, hai moitos días que hai varias e non se pode un repartir.
Outra cousa é o non querer, o pasar, ou sinxelamente preferir ver a televisión.
Coido que nesta entrada podería poñer unhas cantas ligazóns ás actividasdes destes días, como fago normalmente. Esta vez non: háinas. Pero, en xeral, participar nas actividades require iso, participar; unha perogrullada que se esquece que o é.