EXPLICACIÓN PÚBLICA DA MIÑA SITUACIÓN INTERNA NA FORMACIÓN POLÍTICA NA QUE MILITO
Na miña opinión non é un momento agradable para o nacionalismo galego ver como xestionaron a vitoria os que gañaron na XIII Asemblea do BNG hai poucas semanas e como xestionaron a derrota moitos dos que nela perderon, iso si, por estreita marxe. De un tempo a esta parte, eu e moita xente do Bloque apostamos e arriscamos desde o compromiso sincero co país para mudar o BNG desde dentro, cousa que a día de hoxe non ten acontecido.
Pero moi por riba de todo isto, o momento social, económico e institucional que vive a nosa sociedade lévame a confirmar a miña permanencia a título individual na formación política na que levo 17 anos, é dicir, o Bloque Nacionalista Galego.
Entendo que Ribadeo en particular e Galiza en xeral, merecen que as persoas que nos presentamos por unhas siglas a unhas eleccións e que chegamos a pedir o voto para elas, sigamos nelas exercendo o noso labor político e institucional durante o período que corresponda. Iso si: Eu non renuncio a seguir traballando para cambiar o BNG desde dentro. Así son e así hei seguir, pensando como pensamos moitos/as de nós de que o BNG ten que dirixirse doutro xeito á sociedade, para que esta confíe nel, como xa fai en Ribadeo, e así poder servirlle máis e mellor para defendela e transformala para ben con dignidade, con benestar e con xustiza. Este foi, é, e será o meu norte en política, máis aló do que unha organización como o BNG impoña nun momento determinado.
Non desexo, e farei canto poida para que estes desencontros nos que actualmente se encontra o BNG poidan afectar ao goberno municipal de Ribadeo, máxime cando a sociedade ribadense nos demanda rigor, compromiso, dedicación e que as loitas internas partidarias non lle pasen factura á gobernabilidade do Concello no que temos a honra e a responsabilidade de servir.
Decido persoalmente por todo isto quedar onde xa estou, aínda que a dirección actual do BNG deba saber que non fico incondicionalmente e que polo tanto agardo pasos na Dirección política do BNG que demostren que nesta organización hai sitio para todos/as e que evidencien que eu e outros compañeiros/as, nestes momentos, adoptamos a decisión correcta. O tempo, como testemuño fiel, dirá se estivemos acertados ou non.
Ribadeo, 12 de marzo de 2012
Asdo. Fernando Suárez Barcia
Militante do BNG e actualmente Alcalde de Ribadeo