Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Sobre a demografía actual na zona


Este mesmo mes, un amplo artigo de La Voz de Galicia ofrecía unha táboa coa demografía de cada un dos municipios da Mariña. Aproveitando esa táboa, fixen un reparto de datos para poñer en perspectiva a demografía mariñán dende hai século e medio.

Aproveitei a subdivisión comarcal como referencia, e o resultado é o seguinte:

Na primeira gráfica vese un mentemento da poboación da comarca enteira entre mediados do século XIX ata a migración a Europa dos anos 50/60, a pesares da existencia dunha emigración anterior a América. Tras unha lixeira recuperación nos setenta e posterior meseta, as estatísticas cada menos tempo fan retorcerse lixseiramente a curva, pero amosando un nivel descendente salvo nos primeiros anos do século.

A nivel subcomarca, preséntase no mesmo gráfico a evolución das tres zonas de demarcación recente para comparación, pero sendo desenvoltas na gráfica de abaixo:

Por división administrativa, a menor en terreo e poboación é a da Mariña oriental, coas outras dúas, centra e occidental, máis equilibradas entre sí.

Hai que lembrar que a distribución en comarcas é recente, aínda que no gráfico aparezan agrupados os concellos dende hai século e medio, que foi nos anos noventa cando se dividiu Burela desgaxándose de Cervo (e pasando logo cada un dos dosu municipios a unha comarca diferente), e que as comarcas están formadas por:

Conforman a Comarca da Mariña Oriental: Barreiros, A Pontenova, Ribadeo e Trabada.

Comarca da Mariña Central: Alfoz, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo e O Valadouro.

Comarca da Mariña Occidental: Cervo, Ourol, O Vicedo, Viveiro e Xove.

Con estes datos, observamos que as tres zonas teñen unha certa estabilidade de poboación ata os cincoenta, nos que se nota a presión migratoria e comeza o declive absoluto. O declive relativo fronte a España está claro moito antes, pois no período a poboación española multiplicouse por 3, e ata a galega aumentou, aínda que abondo menos.

A partir dos cincoenta, o declive na noza oriental, na que esa integrada Ribadeo, é patente. Nas outras dúas zonas, o reflexo do ascenso de Burela (que conta con Cervo na M. Occidental ata os 90, e logo, na Central) e a implantación de Alcoa, enmascaran o proceso, pero unha vez pasado o tirón de ambas circunstancias, a poboación deixa ver un lixeiro declive tamén na zona occidental mentras se estabiliza na central.

En canto a Ribadeo por si só, o concello segue un patrón con certa semellanza ó da zona en conxunto, pero con particularidades, pois a partires do 1900 o núcleo urbano ‘independiza’ a súa evolución en relación á zona rural, da que se alimenta, chegando a 1990 no que o tirón xa non queda reducido á propia zona rural, senón que a vila convírtese en auténtica capital comarcal, pasando a absorber de xeito máis patente poboación dos outros concellos e do occidente asturiano e arrastrando a poboación total cara enrriba. De calquera xeito, hai que ter en conta que hoxe a poboación dos catro concellos que constitúen a Mariña Oriental concéntrase na súa maioría en Ribadeo.

Conclusións? Quizáis no momento actual se poideran sacar algunhas conclusións sobre a evolución próxima da poboación na zona …


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *