Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

“enviásmoslle sendos escritos hai un mes”


O título está recollido dunha nota que sae na web do concello sobre o uso da area da ría de Ribadeo na praia dos bloques. E a entrada ten dúas partes nas que tentarei expoñer un par de ideas de xeito sucinto.

A primeira, sobre o uso pedido.

Dicía xa I. Asensio nos seus estudos (por exemplo, no que está colgado en Publicado en Ribadeo sobre a formación dunha praia artificial na ría) que o problema da escollera implica non a obriga do recheo periódico de area, senón a acumulación da area que habería que quitar. É dicir, unha vez formada a praia, o problema, como se pode ver con mirar, implica quitar area, non poñela. Outra cousa diferente é que tanto poñer como quitar se enfronte, nunha zona protexida, coa negativa de medio ambiente.

A segunda, sobre a velocidade.

Non a velocidade de recheo, senón a velocidade de xestión administrativa por comparación con outras xestións. Poñamos por caso, o retorno do xulgado, que anda coleando dende o ano pasado, sen que saibamos que se movera un só papel no concello para tentar a súa volta. Ou a pregunta de alternativa da Ponte dos Santos para bicicletas, que anda rondando dende novembro pasado e que hai un mes dixo o alcalde en pleno que tivera unha interpelación oral, pero que non tivera tempo aínda de facer a escrita. Ou, para rematar con algo máis sangrante entre as moitas cousas de tratamento semellante, as xestións para conseguir unha residencia de anciáns para Ribadeo, paradas que se saiba dende que se formou a comisión pro residencia, hai agora xa nove meses, a pesares das promesas de tirar cara adiante en varias ocasións.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *