Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Ás veces por Castropol, outras polas Figueiras, …


Hai uns anos, pode que sete ou oito, pasaron os realizadores dun programa da galega por Ribadeo facendo unha pregunta moi sinxela: por onde sae o Sol? O título corresponde a unha resposta moi comentada daquela, dun persoeiro popular no pobo, no sentido de que ‘mira ti a quen lle foron preguntar’. A cousa pasou e chegou a tarde de onte, o solsticio de verán deste ano, e con el, hoxe, un tempo espléndido. A cousa é que o comentario a raíz da pregunta do programa foi xeral: o individuo non tiña idea e dera unha resposta de risa.

Pois non, ó longo do ano o Sol sae por diferentes lugares, e pónse tamén por diferentes lugares. Abaixo queda un mapa indicativo cunha liña aproximada á dirección na que se podía ver onte a posta de Sol dende a punta da Cruz. Para amosar que así é, máis abaixo outra foto da posta de Sol (non de onte, senón do domingo, día abondo máis claro, pero co sol poñéndose moi preto a onde se puxo onte)

Dirección aproximada da posta de Sol dende a Punta da Cruz, á saída da ría na parte asturiana.
A posta do Sol, á dereita dos Farallóns de S. Cibrao.

Pódese ver na foto anterior como referencias o Faro da Illa Pancha, o Faro da Punta da Cruz, os Farallóns de S. Cibrao e a posta do Sol á dereita de todos eles, na foto tomada no punto máis alto do camiño que remata na Punta da Cruz. A foto está tomada a eso das 22:13, hora oficial de verán.No inverno, naturalmente, o Sol ponse moito máis ó sur.

Voltando ó comentario televisivo, a para moita xente hilarante resposta non era tal, senón máis ben moi sensata, pois a posición a que se ve a saída do Sol non só depende da época do ano, senón e sobre todo, dende onde esteñamos a mirar. E certamente, cambia moito, ó xeito de aquelo de ‘todo é da cor do cristal co que se mire’ …


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *