Por baixo da ponte nova, aínda con piares no plano. Ó fondo, a pasarela provisional. |
A ponte de Arante está fastidiada dende a riada de hai un ano. A anterior constuíuse no 1945, despois de ser destruída por outra riada no 1941.
A pasarela, coa baixada e a parte remendada. |
Esta ponte terá un só van, o que fará unha luz moito maior e dificultará que o ollo resultante quede atorado por ramas como sucedeu o ano pasado coa ponte de pedra, con tres ollos.
A superficie da ponte coa capela ó fondo. |
Dende que a ponte quedou en mal estado o pasado ano, sucedéronse acusacións entre Deputación e Xunta, pero agora xa vai encamiñada, aínda que cos seus atrancos: por exemplo, os veciños quedaron sen luz unha fin de semana, ó quedar cortada na obra e marchar os obreiros para as súas casas… e levan dende hai un ano tendo que dar unha volta que cuanifican en 12 km para vir a Ribadeo, transporte escoalr incluído.
A anterior ponte de pedra foi feita por unha empresa de Mondoñedo, e participou algún dos veciños na súa construcción. A plataforma do que se está a facer veu de Silleda (de cometal, ó que parece de matriz italiana) e estivérona soldando (viu en dous cachos) durante dúas semanas. 74 t de aceiro que viñeron nun trailer con rodas independentes dirixibles por mando a distancia que meteron marcha atrás na pequena estrada da Ponte. Por certo, é abondo máis ancha que a propia estrada. Na actualidade está levantada sobre uns pequenos piares de metal que cortarán para apoiala sobre as beirasde pedra.
Mentres, a auga xa pasou por riba do pontigo provisional, peonil, feito con pranchas de madeira sobre dúas vigas de aceiro en H. Os veciños melloraron o acceso (a baixada de terra), e ó pontigo xa lle houbo que reparar unha prancha do extremo (vese o cambio de cor), ou mesmo houbo que asegurar os tubos da traída de auga para que non os levara a pequena riada.
… e isto sucede nun lugar no que hoxe se bandearán os pendóns, conmemorando unha acción bélica contra os franceses hai douscentos anos,nun núcleo que ten a capela coas pinturas máis antigas que se conservan en Ribadeo, que mereceron un libro, e que baixou de 84 veciños no 1954 a 8 na actualidade… todos ‘maiores de idade’.