Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Pospolítica como política postelectoral


Unha vez que falan os números, as consideracións políticas soen cambiar de aspecto. Tanto en xustificacións como en temas, pasando tamén por actitude. A nivel local ou nivel estatal e máis aló. Non importa. Estamos ante unha pospolítica, pois a ‘política’ en si, a xusto anterior, xa non serían as relacións e actividades de goberno, senón de consecución de votos do período previo ás votacións.

Maniféstase a nivel internacional: o primeiro que fixeron ‘os mercados’ foi desconfiar ante unha situación de debilidade do ‘Reino de España’ por ‘non ter clara’ a situación política posterior. E comezaron a intervir tanto no custe da débeda como na bolsa ou a traverso de declaracións de representantes diversos para ‘orientar’ as futuras accións do actual goberno do estado.

Maniféstase a nivel estatal, co xúbilo e algarabía duns e a desolación doutros máis que coa autocrítica sobre as propias accións, que aínda que poden estar relacionadas, parece moitas veces aquelo de que ‘os camiños do Señor son inescrutables’ cando se entra ver a relación.

Pero as votacións en Ribadeo, neste caso, eran a nivel local, con derviación a nivel provincial na Deputación. E, a iste nivel, atopamos unha cesión no último posto: a resignación da cadeira do candidato polo PSOE. Deixemos a parte do tema da correspondente autocrítica ou mesmo xustificación, que polo momento, escápanseme, non as vin, e centrémonos no feito da resignación: quen pode aceptala? O segundo da lista? a terceira? Cunhas eleccións levadas dun xeito personalista, estando as accións anteriores durante catro anos levadas da man doutra xente que non aparece no novo listado porque xa estaba desgastada, e sendo novatos en política os seguintes listeros, sendo unha única cadeira a ocupar polo grupo, e polo tanto sen apoio, a cousa está complicada para elixir. Tanto como que un exalcalde se sente só, illado nunha corporación que abandoou hai 16 anos, e tras cambiar de grupo, e … Neste caso sinxelamente non hai ‘pospolítica’, senón outra cousa, interna.

No seguinte partido en votos, a UPRi, chamoume a atención o feito de ‘morrer matando’ que aparentan as declaracións de quen debera ocupar a única cadeira obtida, ó seguir atacando despois das eleccións a conta do gabinete de prensa o concello, que, segundo el, sería o gabinete do BNG e tería feito a maioría de propaganda electoral. Se considere que é ou non certo, é seguir na mesma liña que levou ós resultados vistos. Autocrítica ou construcción do futuro non aparecen, mentras de novo aparece a comidilla no pobo sobre un posible futuro cargo, neste caso nun goberno de Cascos en Asturias. Así, que pasaría coa súa acta de concelleiro? Como son só dimes e direites, mellor deixalo polo momento. Pero o caso é que tamén aquí hai o deserto político poselectoral.

No PP parece que se tomou o resultado cunha certa decepción, pero coa veciñanza á realidade que representou unha estabilidade en votos e porcentaxe. E ca visión clara de que non foi que o grupo ‘perdera as eleccións’, senón que houbo un balance de forzas, un conxunto de perdas que foi compensada por unha ganancia do BNG sen pasar por eles. Polo demáis, hai unha continuidade nos ditos de antes das eleccións e despois, configurándose como unha ‘leal oposición’ que dirían os ingleses.

En canto ó BNG, ó xúbilo hai que sumarlle a prudencia, cousa que o pobo agradece despois de ter visto en ocasións pasadas como ós alcaldes e ó equipo de goberno se lles sobe á cabeza unha segunda victoria, e máis se é in crescendo, con maioía absoluta de cadeiras. Neste caso parece que a cousa poidera ser diferente a tenor das declaracións iniciais. Sería algo bo para todos, incluído para o alcalde, equipo de goberno e partido. Polo mome, a menos se me escapara algo, foi o único que falou de futuro, coa aprobación do PXOM na mente, e quizáis coa claridade de que un mandato con maioría asoluta non é só unha tranquilidade, senón tamén unha responsabilidade.

Despois do anterior, coido que as posturas poselectorais coinciden abondo ben co número de votos obtidos, de xeito que mesmo se podería dicir que os votos sería consecuencia delas, e non ó revés…

Por outra banda, a outras esferas, parece que non vai a ter os tres niveis en mans opositoras, senón que por pouco, a Deputación vai a seguir sendo ‘aliada’, por unha Xunta ‘opositora’ e un Goberno que polo momento é ‘de transición’, cos tres adxetivos entrecomillados tanto polo que representan como polo que non deberan representar. Niveis que están relacionados cunha última consideración de hoxe: a economía. Estando menos endebedado que hai uns anos, o efecto é maior pola dificultade actual do crédito, e polo tanto, as relacións con outros niveis de dirección política son máis importantes tamén que hai uns anos. Pero coido que isto Fernando xa o sabe e tratou de aplicalo.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *