Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Paréntese antes das eleccións


Xoves, venres, sábado, eleccións!

Mentres as eleccións seguen por camiños máis ou menos previsibles en Ribadeo, recuncan temas como a escollera nas Figueiras (algo que xa se barrunta dende hai anos) ou algo máis lonxe, un tema novo xorde cada vez con máis forza: nin a choiva nin a poli son quen de desindignar a quen na Porta do Sol está a protestar por todos nós, aínda que haxa xente que diga que non é así… Despois dun tibio comezo de cobertura mediática, a cousa xa desbordou e non se sabe moi ben que influenza terá nas eleccións, pero o movemento xa a ten (ver o manifesto). Un pouco máis lonxe aínda, mentras Dominique Strauss-Khan dimite (que pasaría se a cousa tivera sucedido en España cun director do FMI español? e cun norteamericano?) e aquí temos imputados que se presentan ás eleccións a esgalla, na rede pululan estes días mensaxes con vídeos como o que poño a continuación, ou ligazóns como a do ‘mapa da corrupción’ en Google maps. Cousas todas a coller como na xornada de reflexión, é dicir, reflexivamente, si, pero sendo conscientes ó tempo de que aquí en Ribadeo o último pleno do mandato foi coñecido, salvo raras excepcións, despois de ter lugar, ou que, fora do alcance das municipais, os políticos da UE quérenlle ‘reordear’ a Grecia a débeda esixindo o desmantelamento do que é de todos (os gregos) para prestarlle cartos que son de todos (nós, gregos incluídos)

Por certo, voltando a Ribadeo, no pleno houbo amplos acordos para as aprobacións; quizáis noutro momento tería habído máis oposición a algunha cousa como que haxa un rexistro de intereses, coa que os novos concelleiros terán “a obriga ou a necesidade” de declarar o seu patrimonio de maneira pública. Digo o anterior porque os malos xeitos non se desarraigan dun día para outro, os privilexios tardan en ser considerados inxustos e aínda non hai catro anos que algún político local quixo recriminarme a aparición dunha foto dunha propiedade súa no blog (por nada bo, aínda que coido que autorizado; a foto e o comentario seguen)


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *