Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Deconstruíndo a construción en Barreiros


    O Sábado 26 tivo lugar unha mesa redonda de ‘Máis talento, menos cemento’ no centro sociocultural de San Cosme. A afluencia non foi ampla: unhas sesenta persoas nun salón no que estaban dispostas case o dobre de cadeiras. Novidades tampouco houbo moitas. Pero coido que pagou a pena estar as dúas horas de conversa, tanto polos detalles que moitas veces non se coñecen ou se esquecen como polo talante xeral da mesa. Diante, a parte da moderadora, Fernando de Abel Vilela, profesor da universidade, xurista; Carlota Eiros, arquitecta e promovedora de diversas iniciativas, e Gervasio Cao Expósito, empresario promotor, coa ausencia do alcalde, Alfonso Fuente Parga.

    Algún detalle? A orde de actuación primeira foi a citada, e tras a intervención de Fernando de Abel, o aspecto de valoración paisaxística, dotacións e demáis quedou case arrumbado, sendo máis un conxunto de réplicas e contrarépicas entre xurista e construtor que unha charla a tres. Puntos que considerei exenciais son a primeira intervención de Abel, que xa digo marcou a liña de desenvolvemento e a última pregunta formulada polo público, de José Ángel Salvatierra. Da primeira, o concepto de que mentras que o ordeamento xurídico permite ás persoas todo o que non prohíbe, ás administracións só lles permite o que lles manda, moitas veces esquecido. Da segunda, unha destilación dos anos do problema en Barreiros. En conxunto, pode dicirse que saíu en primeiro lugar a acusación á administración e en segundo, o consentemento aproveitado da promoción. En terceiro lugar, a clarificación dun tema nebuloso sobre os pagos a realizar para enderezar un pouco a cousa, pagos que claramente saen do público e benefician ó privado a traverso de dous mecanismos que se estiman impugnables, un convenio para legalizar (algo que contradí a primeira observación xurídica feita) e o establecemento dun marco supramunicipal para posibilitar un ‘rescate económico’, cando afecta (a pesares dos 14 M€ previstos) a catro parroquias de Barreiros. A maior polémica na mesa xurdiu precisamente a raíz destes pagos, ó afirmar Cao que os pagos dos construtores xa estaban feitos, pero non podendo dicir onde se metera nin o 10% de espazo que marca a lei como cesión para a comunidade nin os pagos de desenvolvemento de servizos. Unha idea máis, a de Cao dunha ‘cidade linear’ en toda a Mariña, xa exposta hai anos como exponente dunha idea de desenvolvemento que moveu o fenómeno da construcción en Barreiros.

    En fin, houbo mesmo algunha saída de todo nas preguntas/indicacións dun construtor que había no público, e saídas moi políticas pero unha e outra vez desenfocadas de Cao. Claro que é a miña visión. Por iso deixo abaixo en fragmentos ordeados case toda a charla (a excepción das palabras inicias da presentadora e as respostas ás preguntas finais e algún nexo pequeno), aínda que a calidade de son non sexa boa, para que se poda xulgar se se teñen preto de dúas horas. -Espero en breve ter colgado en ‘publicado en Ribadeo‘ o libriño de intervencións na primeira xuntanza-roteiro de ‘Máis talento, menos cemento‘.

 







Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *