Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Pleno hoxe?


Hoxe parece que hai pleno ordinario. Digo parece porque a) os segundos luns de cada mes impar está establecido que o haxa, pero cando hai festas, ou por outras moitas razóns, retrásase unha e ata dúas semananas, e este mes aínda non houbo pleno. b) chegoume unha pregunta, da que din conta en parte o sábado, que indicaba que o pleno incluía o tratamento da aprobación primeira do regulamento orgánico de participación cidadá (que debeu ser tratado en comisión xoves).

Con ambas cousas, pero sen ter visto unha nota de prensa do concello coa orde do día, por exemplo, ou unha nova nos xornais dicindo claramento que ‘luns hai pleno’, ou a web do concello cunha notiña, … con ambas cousas entendo que si, que hoxe hai pleno.

Non sei se de novo se alongará ata as tantas de xeito totalmente innecesario, como nos teñen afeitos, pero vereino: aínda están sen contestar as preguntas realizadas a convocatoria ordinaria pasada, en novembro. E polo que parece, incumben a dúas asociacións: O Tesón e a AVV de Vilaosende.

Voltando ó tema da participación cidadá: teño curiosidade de saber cánta xente asistirá a un peno onde se vai votar un certo regulamento que atinxe precisamente á participación. ‘Un certo’, porque nin idea de cal vai ser o texto que finalmente se presenta, o que me fai lembrar unha frase con máis de douscentos anos de antigüidade, aquelo de ‘todo para o pobo pero sen o pobo’. Por certo que se lle quixo explicar ó alcalde en primeiro lugar as propostas do regulamento revisado, e non se deron explicado porque non foron convocados os artífices das mesmas, a pesares da petición feita, co que é probable que non se incluíran… chi lo sa? [é dicir, quen sabe?, pero sen coñecer nin a lingua na que se expresa a dúbida]

Así, se é a aprobación, para ser un regulamento de participación, comeza cunha participación ben limitada. Se é a non aprobación, simplesmente continúa coa ‘tradición’.

Por certo, que apoios lograría a proposta na comisión?


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *