Ribadeo ten moitos aspectos. Por suposto, visuais de beleza sobre a ría ou en relación cos seus edificios de indianos, pero tamén sonoros. O zoar do vento nalgunhas esquinas, os coches ambulantes con altofalantes, ricos en matices, en zonas recorridas, en temas, en horarios, … Iso pode servir para outro día. Para un luns, rara vez. Máis extendido no tempo, e moi curioso, por exemplo, escoitar o son das rodas sobre algunhas rúas. Collamos dúas das máis céntricas, Rodríguez Murias e Reinante, ambas saíndo das catro rúas. Son peonís, ou semi peonís, que non é doado distinguir ás veces, e polo tanto pode que non se oia o recorrer un coche ou unha bici por elas nalgún tempo. Pero tarde ou cedo, caerá, e xa teremos o son correspondente á rúa. E verse que, como nalgunhas películas, só polo son do empedrado lograremos identificar a rúa. Rodríguez Murias, un son xenérico, pouco matizado, onde case non se distingue que o pavimento non é liso. Reinante, un taca-taca-taca craro, cadencioso, onde se distingue a velocidade do vehículo con facilidade polo ritmo…
Quizáis haxa que atribuír a diferencia de son, a melodía entre unha e outra a un director de orquestra pavimental. Quizáis sexa un ensaio xeral para dotar a cada rúa de Ribadeo dun son particular. Quizáis sexa un caso de estudo para o acabado de rúas. Quizáis…