Ribadeo ten un Centro Comercial Aberto. Iso sabémolo todos: é unha agrupación de tendas do centro urbán que tratan de potenciarse mutuamente englobándose nunha asociación. Así pois, non é propiamente unha única entidade que aglutina tendas, senón unha acción comunitaria para asemellarse á unión dun centro comercial e aproveitar sinerxias do mellor xeito posible.
Tamén tivo un intento de centro comercial arredor do hiper de Eroski. Ó final, ou mellor, ó principio, a cousa non foi moi adiante. Aínda así, primeiro foi unha tenda de Brico King e logo, de xieto separado e controvertido, un Lidl. Nese tempo, cerrou a principal tenda por tamaño de Ribadeo – centro, e abriron unhas cantas máis, destacando franquicias e unha cadea comercial. É dicir, variando a textura do tecido comercial, e tamén, potenciando dende fóra da asociación do CCA ese mesmo centro comercial. Digo dende fóra non só porque a porcentaxe de asociación ó CCA coido que empeorou cos novos negocios, senón porque ó tratarse de comercios non enraizados na súa base en Ribadeo, teñen outras perspectivas comerciais con intereses estratéxicos diferentes. E digo o de potenciando dende fóra porque como negocios, están para ganar cartos, e saben que a afluencia de xente beneficia a todos eles, aínda que non entren na colaboración directa do CCA.
Agora, o equilibrio actual, -se se lle pode chamar así ó desequilibrio de intereses entre zonas, pero progreso de ambas- volta a evolucionar: dous novos comercios de tamaño abondante instalaranse na viciñanza dos anteriores de gran tamaño en Vilar, un de atuendo deportivo e outro de calzados. Con iso, a idea de centro comercial fóra do centro vai tomando corpo, aínda que con retraso.
Onte, na radio Onda Cero, participei nunha tertulia na que un dos temas tratados foi se era ou non beneficioso para Ribadeo. a miña postura non a tiven moi crara, o tema é complexo. En xeral, coido que habería que distinguir os beneficios para a comarca dos que xera para o pobo. Os perxuízos para o comercio instalado no centro urbán (ou beneficios) e para os empregados, en forma de número de empregos e calidade. E tamén o aumento inicial na competitividade, beneficioso alomenos mentres non force a peche de tendas no centro urbano. Son algúns dos puntais a considerar. Faláronse alí doutros temas relacionados, e non houbo acordo xenérico e toma de postura conxunta. E ti, que opinas?