Poñendo en perspectiva as cousas, se sobre o Castro das Grobas xa se levan feito dúas ou tres actuacións (pequenas, pero interesantes cada unha delas), e se leva abandoado dende a última, hai ano e medio, non queda menos que recibir cun sorriso como boa idea a recuperación de restos de naufraxios que pode que haxa dentro de algún tempo na costa ribadense, en particular na ría. Boa idea que será realizada no futuro (supónse), e que permitirá no caso da súa realización colaborar a equilibrar o que o Presidente de O Tesón, Pancho Campo, ten denunciado en varias ocasión: o espolio da ría e adxudicación de restos a Asturias.
Agora ben, se na nota de prensa do concello se está a falar de posibilidade futura, cabería preguntarse pola realidade e profundidade de actuación, pois mesmo na nota liberada pola administración se fala de restos de naufraxios nas canles, e, a verdade, despois de múltiples dragados e corrementos de area debidos a eles, dificil, moi difícil, será que apareza algún resto novo de importancia. Claro que nunca se sabe, e o mesmo que despois de anos de aproveitamento das Grobas houbo a sorte de que non entraran arados profundamente e se poidan recuperar diversos restos, ó mellor soa a frauta e aparece algo. Nese caso, será reabandoado como nas Grobas?
Dicía Astérix cando algo non lle cadraba co xeito de facer das lexións: ‘están tolos estes romanos’… ó mellor era unha incomprensión cultural e normativa ante formas de facer as cousas manifestamente máis eficaces.