Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Só nos queda xogar con extraterrestres



O título corresponde a un comentario dunha persoa non afeizoada ó fútbol (non eu), e coido que encaixa no ‘Ribadeo era unha festa’ que se viviu onte. Ribadeo como parte da ‘roxa’ (o de España é algo máis complicado). Facendo ondear bandeiras, algunhas como a que amoso. ‘Divertíndonos’: berrando, bebendo, babeando (isto, porque cadra para que coincidan as 3b e encadra como palabra recoñecible de situación tan ben como outras moitas aplicables).
Supoño que como boa parte de España, Cataluña con Puyol incluída.
Agora cabe pensar se o emprego dos 0,6 M€ por cada xogador rendiu. Se se lograron os obxectivos que se pretendía e corresponden co valor dos cartos empregados. Evidentemente, para o obxectivo de despistar a crise (da crise, quero dicir), si. Alomenos durante un tempo. Para cohesionar un estado? momentáneamente, antes de que pase a resaca, pero tamén. Aínda que xa esteñamos de resaca, chega con mirar a rúa como quedou á luz do día. Para aglutinar detrás dun símbolo? Si, pero un símbolo que deixou de significar: se queremos (quen queira) ser como os norteamericanos coa súa bandeira, que bandeira escolleriamos, a do ‘güisqui’ DYC? Permitirian unha cousa tal nos EEUU?
A fonte do Parador foi o lugar de encontro posterior. Aquí non hai como na Cibeles, moito que romper: é abondo robusta, e dende que se comezou a empregar como lugar de celebración futbolera parece que deixou de botárselle deterxente e aparecer chea de espuma. A xente bañouse entre xaleo e bocinas de coches, nunha noite que apetecía para calquera cousa.
Mentras, a non tantos metros de alí, vin por primeira vez a cancela do porto a medio cerrar, no sentido de entrada, non de saída, coa sinal en inglés en troques do ‘alto’ que aparece por latinoamérica, e si, Castropol ó fondo, entre naves …


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *