A nota do concello é abondo indicativa: haberá un autobús ás praias as tardes (o fin de semana, tamén as mañás) durante o verán. Será un servizo de Eocar, independente, pero animado polo concello. Coido que isto debe quedar claro: o concello ou a Xunta non subvencionan, senón que a Xunta permitiu e o concello animou, facilitou e está a promocionar o tema. É dicir, hai diferenzas aprezables con outro tipo de servizos, como o ‘noitebús‘.
Por diferentes motivos non está claro que vaia a funcionar; é unha crara aposta empresarial que pode desconxestionar o aparcamento das praias, en particular das catedrais. Ten unha poboación diana para o uso que é abondo importante, pero terá que competir co tren, cos gustos e manías dos usuarios e cos cambios de tempo en plena tarde. Por outra banda, de ter éxito, un único autobús quedaría pequeno. Ogallá suceda o éxito e se desconxestionen os aparcamentos das praias e haxa unha menor pegada ecolóxica nos veráns ribadenses, entre outros efectos beneficiosos.