En tempos estudábase aquelo de Vándalos, Alanos, Visigodos, … e aínda que o nome quedou ben diferenciado en significado para os vándalos, había un sentemento de que eran todos familia, todos grupos dunha certa comunidade xeral.
Onte apareceu en diversos medios a denuncia por parte do concello do vandalismo nas xardineiras da praza de abaixo e sobre todo no muíño de Ignacia.
No primeiro caso, se se toman as declaracións que aparecen na Voz sobre as frores, “non duraban nin un día, porque as roubaban. Para ter xardineiras sen flores, decidimos quitalas”, ocorre igual que noutros moitos casos (véxase as tiras elevadas no paseo marítimo para evitar carreiras), que por alguén que anda a fastidiar, a parte de pagar o fastidio, a xeralidade da xente sofre o non dispoñer das cousas.
En canto ó muíño de Ignacia, o facer unha fogueira na porta, a parte dos destrozos internos, supón unha merma maior na integridade de algo público. Quizáis deba citarse, non a modo de atenuante nin de disculpante, senón como mera aclaración, que o estar restaurado pero non utilizado, incrementa as posibilidades de actuación vandálica, pero aí entramos noutro tema: os recursos para facer cousas e os adicados a mantelas, a dificultade para conseguir uns e outros, o rendemento relativo dos mesmos, o rendemento mediático, etc.
En canto á comunidade dos vándalos, non se debe esquecer que se ben cada acto ten o/a/os/as seus responsables, a repetición de actividades semellantes implica un xerme, que vai pasando dun a outro lugar, dunha a outra actuación, e incrementando adeptos e posibilidades pouco a pouco. A saber se o do muíño ten relación por exemplo co contedor queimado hai non moito no centro de Ribadeo e que puido producir moi ben un incendio dun edificio enteiro. Pero é máis probable que teña relación con outros moitos actos vandálicos a menor escala, do estilo dos mexos fóra de lugar, na rúa, ou ruídos fóra de hora, pintadas nas paredes (primeiro, nas abandoadas, e logo, nas que non o están), etc, xerme dun vandalismo que pouco a pouco vai medrando ó estilo de ‘a rúa é miña/nosa’ e sobre todo, a modo de corolario, ‘faigo o que me peta’, e que continúa, de non poñérselle coto. Así pois, os vándalos serían unha familia dos godos. E é previndo o que os godos podan facer como mellor se pode previr ós vándalos.
Na foto do sigpac, a zona de bosque onde se topa o muíño da Ignacia, en Ove (o muíño estaría aproximadamente onde a cruz, a 1/3 da beira esquerda).