Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Sobre o castro das Grobas, de novo


Hai tempo que o pulo de José Mª Rodríguez impulsou á AVV O Tesón e contribuiu a que o castro das Grobas se limpase e posteriormente se fixeran catas nel. Traballos que remataron a comezos da primavera pasada, e a dicir da xente que alí estivo traballando, e mesmo o que no seu momento puido observar nas escavacións calquera visitante, con resultados positivos. Achádegos nos que se inclúen máis de trescentas pezas extraídas das tres catas (dúas de 5x5m2 e outra de 15x5m2) realizadas, e dos que aínda se pode observar o muro de edificacións. Houbo pouco despois, a comezos do verán, unha nova na prensa que reafirmaba que a prospección fora fructífera, e anunciaba para finais do verán ou comezos do outono pasado a entrega da memoria definitiva no Ministerio en Madrid.

Memoria que a día de hoxe non se coñece, nin sei que se presentara, polo que parece que o castro está polo momento desasistido dunha proxección psoterior. A día de hoxe, a pesar das boas palabras sobre o seu futuro, os seus fondos, a súa posta en valor, etc, non se sabe máis do tema, mentras pouco a pouco a maleza vai retomando espazo, e aínda que os escolares do C.P. Gregorio Sanz, acompañados polos seus profesores e guiados por José Mª, fagan excursións para ver o lugar que habitaron un día os antigos moradores.

Queda, iso si, outro tipo de restos, como os artigos publicados sobre o Castro, un deles no libro ‘Sobre os Castros de Ribadeo’, editado o pasado ano por O Tesón, ou os paseos organizados para a súa visita, as xornadas organizadas pola asociación sobre os castros, a visita ó castro de Viladonga para poder ter unha referencia de recuperación, ou o rastro en internet de diversos datos, entre os que se atopa como dirixirse alí dende Ribadeo.

Queda, pero polo momento parece que só quedará esto, pois pediuse por exemplo unha sinalización para poder chegar alí dende o casco urbano, e ata agora non hai tal. Ou un díptico sobre o mesmo, e como non se imprima de internet o que hai, non se logrará impreso doutro xeito. Ou… o oco das escavacións, que interpretei no seu momento que se ía tapar para evitar o seu expolio, pero debín de interpretalo mal.

Así pois, está xa en marcha de novo o exercicio de mover ás autoridades para que, á súa vez se poñan en marcha para recuperar e por en valor o castro. Algo que sabemos que quererían facer, pero que preferimos alentar antes de esperar a que se eternice a decisión para recuperación dun lugar que non só é de todos, senón que a todos pode facer ben unha vez que se comece a poñer en valor.

Máis sobre as Grobas, para comezar: aquí ou aquí, ou aquí, …


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *