Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Un pleno no seu día


Non é o normal que os plenos ordinarios se celebren sen ser retrasados de día previsto. O de onte foi dos poucos. Tamén, se en xeral se pode dicir que nos plenos se pode separar o que do como, no de onte isa separación resulta esencial. E non só pola variedade e diversidade de temas, algo máis ou menos común, senón pola variedade e diversidade de ambientes que se viviron dende o primeiro punto da orde do día (coma sempre, a aprobación da acta) ó derradeiro (neste caso, o décimosegundo, rogos e preguntas), ou a variedade de xeometrías de votación que houbo. Incluíndo asemade momentos de distensión entre os que o principal considero que foi unha das anécdotas da cámara, ó soar casualmente o móbil do secretario e entoar os primeiros acordes da marsellesa, suscitando entre sorrisos e risos contidos e provocando polo mesmo o comentario ‘cada un ten as súas preferencias’. Casualmente non só que soara, senón que o fixera no tratamento do punto 5º, a variación de taxas en relación con servizos de interese local (en particular, de empresas de telefonía móbil), un dos puntos que non tiveron discusión.
Debido á disciplina de voto dentro dos partidos, non se notou á hora da votación a ausencia de José Carlos R. Andina, turnándose os representantes do PP en facer o traballo correspondente. En canto á sala, 14 persoas no momento de máxima audiencia.
Quitados os rogos e preguntas, dos que non podo falar porque me marchei ante o que prometía ser outra sesión máis das longas, houbo dous puntos que consumiron a maior parte do tempo e de discusións, o 4º, relativo á aprobación das contas xerais do 2008, e o 11º, constituído por tres mocións independentes e que tivo unha continuación nun intento de meter unha nova moción polo trámite de urxencia.
O segundo punto foi de dación de contas, con varias preguntas, das que hai que destacar unha de Ramón López (PSOE) sobre unha curiosa factura e albarán correlativo pero non correspondente, ó facturarse diferente número de horas un día por dous camións para desescombrar unha finca na rua da muralla: nun deles chegaba na factura a 18 horas, polo que foi reclamado algo de control.
Pasouse ó terceiro, sobre licenzas de primeira ocupación de vivendas, todas unifamiliares neste caso, algo que non tivo discusión no pleno.
A aprobación das conta xeral do 2008 fíxose despois dunha exposición pública en agosto, da que non constan reclamacións. Comezou UPRi anunciando a súa abstención por ser un informe técnico, a pesares de ter reparos. O PSOE anunciou o seu voto en contra alegando un informe xurídico sobre determinadas facturas, pedido e non facilitado, algo sobre o que versaría toda a discusión posterior. O PP anunciou o seu voto a favor asemade por ser un informe técnico.
Voltando ó discurso do PSOE, citou 12 reparos de intervención que non se poideron comentar pola interventora por estar de baixa por maternidade, e o alcalde respondeu dicindo que todos os temas foran tratados e aprobados xa con antelación e que ningún grupo, dende os dez anos que leva na corporación, votara nunca en contra. Por ista vía, saíron diversas ‘primeiras veces’ de votacións nos últimos tempos.
Ó ser solicitada a súa intervención, comentou a técnica que substituía onte á interventora sobre o procedemento, se un informe que foi incorporado con posterioridade ó tratamento do punto pola comisión tiña que ter sido presentado nela ou non: parece que cada interventor fai ó seu xeito, variando segundo o concello.
A longa discusión sobre o tema fixo que Paco Rivas quixera explicar tamén a abstención do seu grupo, e aí xurdiu outra discusión das que se leva aireado longamente na prensa estes derradeiros tempos: o remanente positivo, o primeiro en dez anos segundo o goberno municipal, ou o aumento de máis de 2M€ de déficit no ano, segundo UPRi, tema xa tratado longamente nun pleno anterior e referido no blog. O asunto deu de si un dos momentos máis tensos do día: ‘é un mentiroso’ foi unha acusación repetida varias veces do alcalde a Rivas.
O punto sexto, a modificación financieira da ordenanza de taxas reguladoras de postos no mercado, consistía na aprobación de que a cousa fora por domiciliación bancaria e cobro ó comezo de cada bimestre. Foi aprobado cos únicos votos do BNG, tendo a proposta de que o cobro se fixera a mediados de bimestre (PP), e botando en cara en xeral os grupos da oposición que non é o momento máis propio para facer que os mercaderes adianten pagos. Como resposta a isto último, foron citados diversos pagos de taxas que se fan todos adiantados, dende a matrícula na EMM ata a petición de licenza de obras, pasando polo abono de piscina.
7º. Foi aprobado por unanimidade a adhesión á negociación conxunta do subministro eléctrico mantida pola deputación Provincial.
O punto 8º, a modificación da taxa do cemiterio, foi retirado da orde do día.
O 9º, sobre o xuíz de paz substituto, xa tratado en pleno anterior, tampouco tivo dificultade algunha.
O punto seguinte, sobre o regulamento dos voluntarios de protección civil, contemplou o rexeitamento das dúas alegacións presentadas,, coa abastención de PSOE e UPRi.
O Punto 11 contemplou tres mocións que tratarei aparte:
– do PP, presendanto dun escrito tipo contra os orzamentos xerais do estado para 2010
– de UPRi, para cambio de ubicación da residencia de maiores e centro de Alzheimer
– do BNG, sobre o mantemento da área sanitaria da mariña.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *