O xornal de hoxe parece unha recapitulación. Non só das festas, senón de todo o curso anterior. As taxas no mercado non influíron na presenza de ambulantes (algo que xa se ve, patente, de mércores a mércores). A recuperación da propiedade pública da Torre dos Moreno avanza moi lentamente, pero non se perde o norte para lograr a maioría e optar así ás axudas da Xunta para o edificio. Todos sabemos que vai moi lentamente, pero que todas as corporacións o teñen en mente. A cuestión non é isa, é se se chegará a bo fin algún día antes de que as actuacións cheguen demasiado tarde.
Pero a que se perfila como cuestión que rondará tempo é a xestión das festas, distas pasadas e das futuras. Por unha banda está a xestión das xa idas, cunha comisión que se pode dicir continuista nos seus membros, e á que hai que achacar cousas como o equilibrio orzamentario, pero tamén a outras como a enésima ocupación do parque, mesmo co espectáculo de tendas de campaña no verde ou no paseo, nun xeito difícil de dixerir pero cuxa xestión non se debe achacar á comisión, senón ó concello. Por outra, a xestión futura, á que se ofrecen hostaleiros que prometen mellores e maiores festas, fóra do parque, e parece que xa reclaman / quéixanse pola falta de maiores horarios de apertura para os seus negocios, cando os horarios xa foron sobrepasados, nas festas e noutros momentos.
É evidente que poñer nunha balanza unha comisión fronte á outra posible non vai ser doado por moitas razóns. A primeira, porque a que se oferta aínda non fixo máis que prometer, e xa se sabe do refraneiro o que di, incluído aquelo de máis val malo coñecido que bo por coñecer. A segunda, porque non é doado atender a uns criterios uniformes en ambas, coa defensa dun modelo que se podería chamar público fronte a outro chamable ‘privado’. O ‘público’ tamén necesitaría doutro apoio entre a xente, que nun pobo ó que lle costa moverse non é doado de conseguir, tendo que cinguirse a unha liña posibilista, mentres o ‘privado’ ten enfronte a acusación que contribuíu a que saíran a comisión das pasadas festas (aparte da súa propia marcha): o propio interese, algo que ten dado lugar a lembranzas doutros lugares onde as festas foron financiadas por xente con cartos e intereses pero que estaban perxudicando ó pobo en conxunto.
Non me estranaría que alguén fixera unha enquisa simplona preguntando sobre se a xente prefire unha ou outra comisión. Atender a un resultado tal sen un debate previo de ao menos os puntos anteriores, sería un erro, por falta de avaliación de cousas máis profundas, do que é a base dunha festa comunitaria, e podería levar a unhas festas que o pobo non quere, por unha ou por outra versión.
De calquera xeito, vólvese a unha cuestión repetida moitas veces no blog: a participación comunitaria nas cousas do pobo, en troques de deixar a xestión en mans delegadas e despreocuparse do tema. Mentres esa mentalidade non varíe, este tipo de problemas seguirá presente.