Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Nota de prensa sobre a alta tensión (recibida 20090612)


MONTE VECIÑAL VS ALTA TENSION
O monte veciñal en man común é unha forma de posesión e uso do monte típica de Galicia e Asturias. Tamén existe en outras zonas pero con menos peso económico, social e histórico.
A primeira lei de protección do monte veciñal xurde en pleno franquismo anque o regulamento que a desenvolve e fai aplicable aparece vinte anos mais tarde. Anteriormente o monte veciñal non tiña unha figura xurídica e as normas eran os costumes e o respecto dos veciños. Nos primeiros anos, despois da guerra, moitos concellos trataron de apoderarse dos montes veciñais, ao abeiro da falla dunha lexislación efectiva.
Como consecuencia destes antecedentes atopamos actitudes e vivencias contrarias respecto dos montes veciñais. Hai quen pensa que non sirven para nada e que mellor estaban vendidos a particulares e cubertos de liñas de alta tensión e hai quen pensa que son un ben das parroquias ou lugares e deben ser conservados para as xeracións futuras na mellor forma posible. Ou sexa hai quen respecta as tradicions e quer ser conservacionista dos nosos valores históricos, culturais e sociais e hai quen non ve mais que a especulación inmediata a corto plazo.
Dende o meu punto de vista o monte veciñal representa unha forma de utilización do territorio que está na cerna do orixe histórico, social e cultural de propia existencia do noso pais. Sería comprensible que un asíatico, ou un africano que pasase por aquí non entendese o que significa en Galicia o monte veciñal, pero só un apátrida desleigado, polo demais tan abundante no noso pais, pode poñer as costas á realidade viva do monte veciñal en man común.
En primeiro lugar o monte veciñal é unha fonte de recursos para a comunidade de propietarios, da cal se benefician tamén o resto dos veciños da parroquia e do concello, dado que unha gran parte dos beneficios económicos repercuten en servicios e melloras para o conxunto da sociedade. Obviamente se pasasen a mans privadas os beneficios só serían para o propietario particular. Asi de sinxelo. Naturalmente se se perden once hectáreas de monte, como no caso de Obe, da sua explotación forestal, son tantos beneficios sociais que se perden para sempre.
En segundo lugar o monte veciñal representa un elemento de aglutinación e supervivencia das comunidades rurais e un factor que ten o seu peso á hora de fixar poboación. Degradar o monte veciñal e como empuxar a xente a que abandone o campo, que é un paso mais para o esvaemento definitivo do noso pais.
En terceiro lugar as posibilidades futuras do monte veciñal, partindo da fórmula tradicional de posesión e uso están sen investigar. Agora que estamos en plena crisis e que se fala tanto de reformar o modelo económico, debéramos aproveitar os inmensos recursos do monte veciñal para avanzar en propostas cun futuro asegurado e sostenible.
Pero aquí temos todo o contrario, unha gran empresa alemana e un alcalde que queren someter os montes veciñais de As Anzas, Obe e Piñeira a un proceso de contaminación, degradación e devaluación irreparable e irreversible. Pero agora estamos a tempo de para ese proceso exixindo que o tendido de alta tensión de BEGASA non pase polo monte veciñal en man común.
Evaristo Lombardero Rico


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *