O día de hoxe está cargado de novas, que quedarán para outra entrada, porque o pleno lévao unha: o soterramento onte a última hora dos restos do Castro das Grobas. O motivo é o medo á pillaxe. E está xustificado. 300 pezas, restos de cerámica, tiveron o seu achádego neste mes de catas no castro, en, lembremos, só un total de 125 m2, son unha mostra máis do que xa se dixo noutras ocasións no blog (ou aquí). Non é o único novo despois de pasar tres centros educativos (entre eles, o IES Illa de Sarón de Xove, aproveitando a viaxe para a Feira da Ciencia que remata hoxe, e o C.P. Gregorio Sanz de Ribadeo) que foron informados sobre os achádegos in situ e formados arredor época castrexa, pois o pavimento pola parte externa ós muros da vivenda descuberta, as pedras derrubadas doutro muro ou un promontorio achegado á cata do medio da lugar a pensar aomenos noutras construcións neste castro que se contempla como longamente habitado, a parte da potencia relativa do muro e foxo, como se pode observar nas fotos, coido que tomadas as últimas, xusto antes de ser enterradas as catas.
Comezando pola de arriba, as fotos detallan:
– Vista da groba interna coa escavación realizada cortándoa
– Parte superior desa escavación, podendo observar as capas de cobertura sobre o muro derrubado.
– Paredes do habitáculo atopado.
– Restos de muro de edificación (habería que continuar esta cata para descubrir se se conserva muro sen derruír)
– A cata grande, na groba, en perspectiva para observar o desnivel.
– O fondo do furado, recheo de pedra do muro, e observando os dous taludes.
– Un detalle onde se observa o fondo (chan) actual da groba, diferenciado do talude, por unha beira, e do fondo recheo coas pedras, pola outra.
– Dúas fotos dos muros do habitáculo, na última distinguindo o chan de pedra pola parte exterior.
– E dúas fotos da escavación principal, con detalle do talude e unha vista xeral dela.
ben, pois despois disto, queda a análise polo miúdo dos especialistas e o informe xeral, que será presentado á Xunta, ó Ministerio (quen paga) e a diversas administracións, estando previsto que entre elas se atope o concello.