Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

A todo tren


Pode que a falta relativa de nova no verán impulse outro tipo de noticias menores. Así está de novo tanto onte como hoxe na prensa que Ribadeo subvenciona a viaxe de ata 300 xubilados á Feira de mostras do Noroeste no Ferrol. Está ben subvencionar o tren: é máis ecolóxico. En troques, o xeito de facelo chámame a atención, porque o que se está a subvencionar non é o tren. Entendo que favorecer ós maiores está moi ben, pois teñen os seus dereitos (en pouco, direi ‘temos os nosos dereitos’), pero o tema lembra ó dos ‘circenses’ do ‘panem et circenses romano’, É dicir, unha versión das moitas dos chamado ‘opios do pobo’. Pode que o lembre máis porque a nova repetida coincide con outra semellante, esta aplicada ós máis novo e que non fai uso dun transporte tan ecolóxico (pode que porque ós novos lles veña mal camiñar tanto ata e dende os andenes da FEVE) e ademáis, a promoción paréceme algo máis sen sentido, a promoción da movida nouturna. Sabida é a miña posición respecto á movida por mor do ruído, e cando pode diminuír algo, téntase manter. E é que os sectores insostibles pero con poder nun momento dado intentan favorecerse a traverso da súa influencia no dominio público. Véxase como exemplo o sector inmobiliario, do que dende anos é sabido que non podía manter o ritmo de traballo (o asombro foi que tardara tando en estoupar a burbulla), e que se ve recompensado despois de toda a burbulla, agresións ó medio, ganancias avultadas, etc, con intentos diversos de reactivación vía o aumento de vivendas sociais (que tal a alternativa de socializar o exceso construído, por exemplo) ou impulsando a obra pública (que podería vir moi ben dun xeito racional, non como parche a un sector afín).

En fin, un par de novas relacionadas con Ribadeo: a cesión das estradas que atravesan o pobo xunto cun millón de euros para o seu adecentamento xa ten algunha proposta por parte dos partidos políticos. Agora resulta que se pide por exemplo un paso de peóns no Voar. Lembrando o refrán, ‘nunca é tarde se é un bó ben’.

Hoxe hai xuntanza de alcaldes da Reserva da Biosfera en Taramundi, despois de que o Principado anunciara onte axudas para os concellos asturianos implicados. Despois de ver o destino das axudas, coido que podería ser outro cúmio máis para comer e pouco máis, alomenos relacionado coa Reserva. Veremos.

En Rocas Brancas, de novo a baixada a levou o mar: todos sabemos o desgaste a que somete o mara ás estruturas que nel se fan…

Aproveito para felicitar a Gilberto Suárez, que gañou máis de 6 millóns das antigas pesetas á bonoloto. Que as disfrute!


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *