Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Da política ó aluguer, pasando polas infrastruturas.


Antonte saíu nos xornais a petición de mellora para a N640 ata Porto. É unha estrada que certamente da problemas circular por ela e que soporta abondo tráfico, algo que se notou máis dende a circunvalación, que fai que o condutor non desconecte da boa estrada antesde meterse nas curvas. Despois da petición xa viñeron as alusións á tardanza en facela.
Hoxe sae nos xornais como estrela o tema do apagón de onte. Máis dunha hora, Ribadeo enteiro afectado (e parte de Barreiros), e resulta que Begasa di que foi culpa dunha rama ó ser cortada. Será cousa de pedir que corten as ramas con coidado?
E, mentras no PP local é nova a substitución na secretaría de M. Valín por Begoña Sanjurjo, os alugueres non baixan a pesares da caída de ventas de vivendas. O motivo parece que segue a ser a crenza na especulación. É dicir, que pode estar pasando un bache a venda, pero que xa voltará a auga ó seu rego e polo tanto, paga a pena esperar a unha forte revalorización futura en troques de ter que velas cun viciño de aluguer ó que ó mellor despois hai dificultades en botar para vender a vivenda. É cousa de mentalidade, e polo tanto, de tempo, reforzada polo feito de que se se aluga o piso no verán ténse a seguridade de que o veciño despois váise e representa un cobro relativamente alto en relación ó que se percibe por todo o ano dun mesmo inquilino. É dicir, mentras o tema funcione así, seguirá a haber casas desocupadas… durante cánto tempo non cambiará a mentalidade? Pode que unha crise de un par de anos xunto cun adecuado balance de impostos remate por impoñer (económicamente) a cordura (social). Moito menos tempo non o vexo probable, aínda que en todo proceso sempre hai quen se adianta (neste caso, por exemplo, aqueles porpietarios a quenes lles faiga falta os cartos por invertir apalancados/hipotecados) e quen se atrasa (aqueles que invertiron con solvencia abonda para aguantar a longo prazo)
Mentras, hoxe será a presentación da Feira da Ciencia e Tecnoloxía.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *