Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

En espera da publicación na rede do libro do antroido


En espera da publicación na rede do libro dos 25 anos do antroido (que conto facer a próxima semana), aí vai o meu artigo como segunda de hoxe:

O antroido perdido e ganado na rúa

Remato de ver unha foto dun ano que ás veces se considera perdido para o antroido ribadense: 1983. Perdido oficialmente por falta de colaboración. Na realidade, un antroido un pouco diferente, con algo menos impulso que outros, pero antroido, ó fin. Na foto, participantes que a modo de esquiroles do antroido levaron unha celebración independente da oficial, e a contribuíron a que a festa correra en Ribadeo como outros anos. Igual? Non, pero, que edición foi igual a outra?

Queirámolo ou non, o antroido vai por dentro, un pouco como esas crenzas pagás anteriores ó cristianismo que se enquistaron na xente e deron lugar á celebración. Un pouco porque somos persoas e necesitamos a sociedade, pero tamén, porque a necesitamos, temos necesidade de rirnos dela e do papel que desenrolamos cada un de nós.

Por eso, non é de estranar que, se din que a Igrexa é a entidade con máis historia (alomenos en anos), o antroido, de ser considerado como entidade en troques de como festa, non lle iría á zaga, senón máis ben lle tomaría a dianteira.

E o antroido en Ribadeo ten historia, non só como manifesta o libro que tes entre mans, senón anterior. Unha historia que, polo momento, concéntrase na súa parte final nestas páxinas, esquecendo aparentemente o que sería a gran parte oculta do iceberg do antroido ribadense. Historia recente recollida case sen interpretación, en estado bruto, a base de imaxes nas que moitas veces se evidencia aquelo de que unha imaxe vale máis que mil palabras, unha frase que recolle tamén en certo xeito o esprito do carnaval: un desenvolvemento onde o que conta é a imaxe, e a palabra é en xeral accesoria, aínda que sexa un acompañamento que axude moito nalgúns casos.

A accesoriedade da palabra nestas festas explica a cortedade dun artigo neste libro. A imaxe mostra o que a palabra pode embarullar con facilidade. A imaxe recolle o momento do esprito querendo recoller o esprito do momento, mentras que a palabra primeiro ten que explicar o que é o esprito do antroido, perdendo polo camiño o desfrute da vida, o carpe diem que nos lembra o carnaval.

Antonio Gregorio Montes


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *