Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Pleno ó 13 (…e fin)


    O punto terceiro foi o da aprobación do orzamento xeral do concello… para este ano. É dicir, algo que tivera que estar feito a finais do ano pasado (e que xa se avanzou que tampouco estará listo o do próximo a finais deste, polo demais comprensible dada a data de aprobación do actual). Foi tildado en todo momento de presuposto-liquidación por ser xa unha aprobación a auga pasada, algo que pouco máis cabería dicir que tiña que ser aprobado por xa estar gastado. 

    Alí ían incluídos pagos de todo tipo, como o pago á SGAE pro actuacións diversas dende hai anos, e que representou varios millóns das antigas pesetas (quen queira información sobre o tema ten numerosos artigos en internet contra este pago que de feito representa un imposto inxusto, sobre o que non é a primeira vez que falo no blog). 

    Ben, este orzamento incluía o financiamento de varias administracións por actividade de todo tipo. Vaia por diante que foi aprobado con abstención da oposición, o que agradeceu o alcalde e máis ou menos xa estaba anunciado. Pero eso non quitou para que, tratándose de moitos cartos, non dera lugar a razonamentos e discusións diversas. Así, UPRi tildouno de irreal, inflado, sen redución de obrigas previas, con xeración de débeda, con incremento do atraso nos pagos, etc, incluíndo que vaian 475000€ a ‘gastos diversos’ e críticas curiosas como que o orzamento estea en castelán ou que coa cantidade de gasto de cultura teñamos as peores festas da rotonda. 

    A intervención do PSOE destacou que se absterían pola corresponsabilidade de gasto ata as eleccións nun orzamento que con 8600000€ é o máis alto da historia (habería que lembrar que os presupostos tenden a subir ano tras ano, pois a inflación tamén sube, pero resulta que en xeral van tamén por arriba da inflación), un orzamento tardío que representa un incremento do 8%. 

    O PP tildouno directamente de mal presuposto, contra o que votarían noutras circunstancias (que non aclararon pero suponse que se refería a que é ‘só unha liquidación’). Lembrou ó goberno que non procuraron acordo para levalo adiante, pero que ían ‘obrar con responsabilidade’. Compararon co orzamento do 2002 en diversos puntos, como o aumento de gastos correntes e persoal (entre ambos, 69% fronte ó 63% no 2002) e a diminución de inversións (paso do 25% ó 20%), así como resaltaron os 47000€ en gratificacións ou os 65000 en comunicacións, cadruplicando neste apartado ó 2002. Asemade, deron nota de que os ingresos estaban inchados, incluíndo un aumento de 12 veces nas multas de tráfico ou de 6 nas multas urbanísticas. 

    Naturalmente, houbo defensa, pero coido que máis por quedar ben que por necesidade. Un par de puntos dános que os móbiles dos concelleiros rebaixaron a súa factura, pero as comunicacións aumentaron polo ADSL das parroquias e cousas por estilo, e que o aumento do orzamento responde a partidas afeitas de anos anteriores, que andan por 500000€. 

    Todo isto, como é natural, con tintes políticos e de culpabilidades atribuídas a uns ou a outros. Pero nada máis. 

O pleno foi tratado en Ribadeando en varias entradas consecutivas:

Pleno ó 13 (primeira parte) 

Pleno ó 13 (segunda parte)

Pleno ó 13 (III)

Pleno ó 13 (IV)

Pleno ó 13 (V)

Pleno ó 13 (… e fin)

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *