Onte, ás oito da tarde, deu comezo o pleno que abriu o ‘novo curso’ político en Ribadeo. Sen megafonía, resultou moi dificultoso seguir algunhas intervencións, por iso quizais caín na conta nalgún pequeno detalle como que o retrato do Rei, situado detrás do alcalde, está semi tapado por unha bandeira española, nunha superposición de símbolos na que se ocultan uns a outros.
Nove veciños, no momento de maior asistencia, estaban en minoría fronte ós elexidos municipais.
comezouse a falar do orzamento de cultura, pasando logo ós apoios no consello territorial provincial e diversas outras representacións. Seguiu a petición da cesión das rotondas (Voar e entronque coa autostrada), e a petición como festivos do martes de antroido e 8 de setembro para o próximo ano. Temas todos que saíron por unanimidade (excepto o primeiro) e que quizais por iso, propiciaron unha sesión tranquila.
O seguinte punto coido que deu lugar ó inicio real do pleno: tratábase do nomeamento duna persoa de confianza para a secretaría persoal do alcalde, que saíu cos votos de BNG e PP, e abstención do resto, parece que por temas presupuestarios. A dicir que o pleno ten que apoiar o posto, non á persoa. O alcalde propoñerá a María Pérez Mon, que traballa xa no concello.
Sen discusión, foi aprobado despois o orzamento do ano en curso, xa tratado en instancias previas polos grupos municipais.
Désuse despois traslado de acordos varios da Xunta Local de Seguridade (non de todos os tomados por ela), de colaboración entre admnistracións e comezo do plano local de seguridade. Aquí saiu a controversia sobre a decisión de direccionar a entrada e saída á praia das Catedrais (Augas Santas), coa crítica a que a saída sexa a nivel de Casa Amadora, un dos peores sitios para saír a N634 de toda a Mariña.
O tema da saída foi retomado no punto seguinte, unha proposta de UPRI, na que saíron a relocer aparcamentos e adecuación de viais, ambos polo que parece xa en marcha, incluíndo a consignación pola Deputación de cartos para viais. O aparcamento, privado, e o centro de interpretación estarían máis retrasados, o que deu lugar a un pequeno debate político con puntualización ssobre o tema e sobre aproveitamento de discusións no pleno por parte dos grupos, rexeitando ó final a proposta de urxir que se fagan ambas obras por ser redundante (BNG/PP, en contra, PSOE/UPRI a favor)
O punto seguinte foi unha moción de urxencia de UPRI, á que se lle negou a urxencia e polo tanto ‘desapareceu’ do mapa. A destacar que o alcalde negoulle ó ex alcalde o dictame do secretario, que aquel quería por considerar que se debía votar a urxencia do tema.
Entrouse nun longo turno de rogos e preguntas, ocupado polos dous concelleiros de UPRI na case totalidade, e donden entraron, entre outros, temas como a realización de carreiras polo paseo marítimo (segundo se dixo, chégase a acadar os 140km/h) o pintado de sinalización horizontal (parece que se quere ensaiar un novo sistema máis duradeiro), a substitución de sinais en mal estado, o estado do campo da festa en Vilaosende, a retirada de postes non usados e antestéticos de Feve e Barras, o horario de atención ó público da casa da Ría e o plan para o futuro da mesma, a recollida porta a porta dalgunha clase de lixo anunciada hai pouco, etc. temas, na súa maioría que coido que sería preferible comunicar direitamente ós responsables para o seu tratamento, en troques de realizar rogos no pleno (pode que así non fora tan efectiva a súa solución nin rendible eleitoralmente, pero co público asistente este último detalle creo que pode descartarse)
Saiu asemade no turno de preguntas algo curioso: a multa de 600€ da Xunta ó concello por limpar camiños de acceso ás praias en zona de Rede Natura, algo que parece ocorreu por iniciativa do propio persoal de limpeza no tempo de despois das eleccións, antes da elección do novo alcalde.
E aí vai o resume dun pleno abondo calmado e que resultou agradable polas fintas políticas, intraducibles ó papel, que alí se deron. Mágoa de unha mellor sonoridade. Apunto tamén que o portavoz da UPRI sae perxudicado no tema da audición, pois é con diferencia o que peor se oía, alomenos dende a posición na que esu estaba.