Remato de ler ‘La unificación de las fuerzas fundamentales’, escrito por Abdus Salam coa participación de Werner Heisenberg e Paul Adrien Maurice Dirac. Os tres son dos máis grandes científicos do século pasado, Nobel (1979, 1932, 1933), etc. Cada volta que abría o libro me preguntaba pola tirada (é un libro pequeno, non chega ás 200 páxinas en A5, rústica, sen fórmulas, …) que descoñezo, e pola tirada doutros libros que fan historia en Ribadeo, ou pola lectura relativa no pobo. Está visto que Ribadeo está envorcado ó seu embigo, e non é o único pobo que o está, nin moito menos. Podería dicirse que é porque a palabra é máis doada, máis usada e máis dúctil que as relacións matemáticas, por exemplo, pero o caso é que xa dixen que o libro non ten fórmulas, e coas palabras que introduce antes fai eso, introducilas. Pero parece que o que está aparentemente mais preto de nós, como pode ser a historia do pobo en relación coa historia da comprensión do que nos rodea en conxunto, produce máis interese, vémonos máis recoñecidos e, ó vérmonos dalgún xeito reflectido, tamén alimenta o ego propio (da persoa e do pobo como tal).
Pode que esa sexa unha das causas da proliferación dende que comezou o século de libros sobre Ribadeo e a súa historia (incluíndo o de ‘Ribadeando’, historia recente). Nese sentido, onte escribiuse un capítulo máis coa presentación de ‘tras sus huellas’, despois de haber publicado o autor, Manuel Díaz Aledo, ‘entre tus calles’. Tras a presentación do autor por Roberto Rodríguez, tomou este a palabra e deixou claro que o pasado era un libro da súa historia en Ribadeo e o actual, unha biografía novelada a base de hemeroteca dun parente seu. O certo é que retazos da historia que foi desganando deixaron en min certa gana de lectura do Ribadeo en castelán, se ben entre outras cousas, a segunda razón do corte do libro no ano 36 deixoume cun pensamento fixo. Dicía que había unha primeira razón para o remate do libro nese ano: a morte o seu tío, o personaxe principal. Pero engadiu que esa época enconáronse os sentimentos en Ribadeo que que non ía el a meterse no tema. Coa primeira explicación para min abondaría, pero o meterse na segunda implicou un recoñecemento de que a memoria quere esquecer cousas que xa están a rememorarse e que se ve que costa facerse con elas. En fin, hai xente que está a favor do exercicio de memoria e hai xente que está en contra. O tema da que pensar, por exemplo de por que non se escribe historia actual de Ribadeo: pode que en parte porque non ten o poso abondo, pero tamén en parte por medo, por quedar ben con todo o mundo (tamén o autor se referiu de xeito indirecto a este tema de que se escribía sobre aqueles anos ía quedar mal con xente), é dicir, por un espírito moi humano que está a flor de pel en Ribadeo. Tamén dixo que antes, ‘Las Riberas del Eo’ tiña un apartado de cousas da rúa, que agora botaba de menos na Comarca: estiven a piques de lle dicir que esas cousas, transformadas, agora aparecían nos múltiples blog de Ribadeo.
Esa era a historia. E aí as historias, que irán tecendo a historia pouco a pouco: onte chamei para tentar conseguir os planos da ponte, da que aínda agora non sei se admitirá peóns, bicicletas, … en Castropol nin sabían en principio se tiñan os planos, e por fin, na demarcación de estradas en A Coruña dixéronme que tiña que esperar a que alguén viñera de vacacións. De xeito diferente foi o tema dunha consulta sobre o Castro das Grobas en relación coa piscifactoría (por certo, aquí tedes un artigo que saíu onte na prensa sobre o mesmo tema, posteado dous días antes), pois por terceira ou cuarta vez non din collido ós arqueólogos da Xunta, que en Lugo non estaban, senón nunha escavación (xa me dixeran que tiña que chamar antes), co cal non me puiden enterar polo momento do status do castro a invadir parcialmente pola piscifactoría. Dúas historias ribadenses de actualidade ás que lle custa saír ‘do armario’. Hai outra. Antonte, por fin, fixen a travesía bloques-Figueiras-bloques, cun trazado un pouco diferente ó especificado nunha entrada anterior sobre a travesía da ría de Ribadeo, e puiden comprobar que a distancia a nadar, aproveitando a marea, non chega en total ós 500m (ida), pois o tesón de Castropol está avanzando cunha lingua (que pode chegar a independizarse ou seguir unida ó mesmo tesón) que permite ir andando ata pouco máis de 50 m da Berlinga das Figueiras. É dicir, un novo tesón na ría que reforza o que dicía sobre o cruce da ría de Ribadeo outro día antes: o avance dos tesóns, visible dende a costa e a pesares do repetido rañar no fondo para baixar area. En fin, tres cousas do día a día de Ribadeo que non soen ser nova por eso precisamente, porque son do día a día e diso, en Ribadeo, fálase nos cafés daquel xeito.