Lembro que un dos primeiros comentarios que me fixeron unha volta afincado en Ribadeo foi que pouco tempo antes o pobo tiña uns problemas de subministro de auga grandes. Dende aquela, cos seus máis e os seus menos (algún día con auga en mal estado, chea de terra, rotura de cañerñia, etc) non teño constancia de que o subministro correra grave perigo durante longo tempo.
No 2008 váise celebrar en Zaragoza (ese sitio a onde se marchou a fábrica de avións) unha expo internacional adicada a auga; de feito, a súa mascota chámanna ‘Fluvi’, o que deu lugar algunha nova de prensa, de onde movín datos que paso a expoñer.
Un indio (da India) típico consume diariamente una cantidade de auga equivalente a algo máis da metade do seu peso. Esta relación redúcese á cuarta parte na zona rural dun país como Kenia, mentras que nós andamos por un consumo diario que case quintuplica a nosa masa, e nos EEUU (poñamos, un indio dos EEUU) ese consumo váise ata oito ou nove veces a súa masa. Razoamentos como ese foron postos en xogo na guerra de Iraq, xa que o exército dos EEUU necesita unha cantidade de auga asoballante apra as condicións desérticas. Posiblemente lles foi máis difícil vencer ese inimigo que ás forzas de Saddam.
Voltando á nosa terra, parece que Galicia e unha beira arredor dela son as únicas zonas da península nas que non se prevé risco de escasez de auga nun futuro próximo. Nembargantes, a contaminación dos acuíferos fai que haxa que pensalo dúas veces antes de beber segundo que auga, e a tendencia polo momento segue a aumentar. Cito textualmente “el agua, como la atmósfera, termina siendo escasa “cuando tratamos de perpetuar un sistema irracional de consumo…”‘ Habería moito que dicir sobre o tema, e moito que educar.
Vai tamén a cousa a razón da limpeza das augas mariñas. Resulta que hoxe mesmo é louvado na prensa o percebe de Rinlo, e a promoción turística do lugar en base ó mar. Nembargantes, leva xa un ano dando coletazos a instalación dunha piscifactoría (é dicir, de contaminación apra o sabroso percebe) nas súas proximidades, e esta fin de semana saltou unha segunda, abondo maior, para a veciñanza de Pena do Corvo. Así como a primeira ten unha forte loita en contra por situarse nun LIC, da segunda aínda non se sabe nada, con anuncios feitos xa correndo os prazos e unha situación cando menos, encastrada con calzador entre o LIC (é dicir, lugar de interese comunitario) e a zona protexida do castro de Vilaselán. A 1km terra adentro na primeria previsión, e a menos na posterior, vai situado o polígono industrial ribadense (futuro tamén), pero a industria, amante da costa como o turismo, parece que xa ten elixido e comprado terreos. Na única zona de costa sen casas a pé de cantil en moitos km á redonda…