Onte foi a xuntanza. A segunda vez que o alcalde nos chama a todos os implicados co tema do ruído. Bo, a todos e a ACISA, esta vez, pero non á asociación de veciños. Por certo, estaban chamados 3 veciños que dicía o alcalde eran os únicos que presetnaran queixas. Pois apareceron catro. Non sei se haberá máis con denuncias escritas.
Non vai quedar rexistro oficial da xuntanza, porque o alcalde deixou ben claro que o sistema de gravación non estaba autorizado a usalo, era só para os plenos. E logo, a pregunta miña, un afectado tamén dixo que el non quería que o gravaran. É dicir, seguirá o tema sen tomar nota. Coido que é un erro. E non pequeno.
Polo tanto, seguirei coa miña impresión: alomenos de boca, todos alí estabamos dispostos a negociar, con dúas excepcións. A primeira, a representante de ACISA, da que alí non se oiu nada abasolutamente, e polo tanto, non se sabe. A segunda, o alcalde, que dixo que si, pero cada vez que se lle preguntou por algo concreto, non respondeu tamén en concreto, a excepción de que para a próxima xuntanza, que dixo sería seguramente antes de fin de mes, tería listo para revisión por nós a nova normativa de ruídos (que non soubo dicir por que era necesaria). Veume a cabeza, aínda que non o dixen, que hoxe sería a seguinte xuntanza da Mesa de asociacións con el, e aínda non respostou á carta enviada para asegurar que así sería, despois de ter faltado ás dúas últimas, a primeira, por cambios sucesivos e a segunda por non aparición. Ou que aínda estamos esperando nesa mesa dende preto dun ano algo que nos prometeu sobre o plano urbanístico. Comprenderase que non de creto ó que di.
Os pubeiros e o alcalde reclamaron un tempo de actuación, que Balbino non soubo concretar pero que pasou de algo así como seis meses a antes do verán, dito de xeito informal.
Discusión, moita, pero dentro de unha orde, exceptuando algún caso puntual. Fóra do salón, continuou a reunión entre algunha xente do mesmo xeito que dentro: informalmente. Pero de xeito máis distendido.
O futuro? Verase. Coido que temos claro uns e outros que non se pode seguir así, aínda que sexa por razóns diferentes. Entre outras cousas tentei de deixar claro que cada caso era diferente, tanto en pub como en afectados. Coido que a algunha xente si lle quedou claro. A outra, non tanto, de seguro.
Para terminar, tamén lembrei que en todo proceso de negociación, se este se pretende que o sexa, téñense en conta as circunstancias anteriores. Aquí, o alcalde dixo que se contemplaba só o futuro, motivo de que fixera esa aclaración final, pois considéroo un paso en falso. É dicir, ata aquí, seguiremos co pasado, e o concello coido que ten un pasado que lle está a tirar demasiado nestes momentos e que polo tanto queda igual que estaba.
De calquera xeito, para min, a xuntanza, serviu, aínda que sexa imperfecta e de xeito limitado. Falar dentro dunha orde non é malo. Para os resultados haberá que esperar a outras.