Vai uns días un lector díxome que debía practicar o haiku. Tradúzoo ó meu xeito por ‘maior brevidade’. Pode que teña razón. Por eso comecei vai tempo a separar o que é propio do día do que é de anos atrás. Ó mellor aínda así me quedo curto. Irei facendo.
A imaxe: decoración na escola de música. Onte houbo o concerto do entroido, coa xente disfrazada, pquenos pero tamén maiores, que sairá outro día… a carón das xornadas euroatlánticas, coa xente sen disfrazar, xa maior, e das que me perdín unha charla pola que tiña curiosidade, sobre o modelo de trasmisión cultural en Galiza e Irlanda.
Acuinor anuncia que continúa coa piscifactoría de Meirengos (antes dun fallo definitivo) e Adega, que recurre á UE. O pulso segue. Queres participar nel? Deixa un comentario con enderezo e tentarei de que participes.
A outro nivel, onte foi 23-F. Parece que xa non nos lembramos, pero os que o vivimos non o pasamos moi ben… e algúns tentamos non esquecelo sendo activistas pola democracia, aínda que nos lembremos do día cando xe é de noite.
—
Data: 21/9/96 | Fonte: La Comarca del Eo |
Título: POR DECRETO | |
Autor: Hernán Naval | |
Descrición: artigo escrito polo propio Hernán valorando o feito de que se lle obrigara a dirixir a escola por medio dun artificio legal cando uns meses antes dimitira como director do centro | |
Comentarios: |
POR DECRETO
Hernán Naval
O mércores 11 de setembro, foime oficialmente notificado o Decreto que o Alcalde de Ribadeo, José Carlos Rodriguez Andina, ditou en vísperas da Patrona e, segundo os medios de comunicación, en vísperas da súa partida de vacacións. O Decreto do señor Alcalde de data 5 de setembro di, entre outras cousas, o seguinte:
“Considerando que a Relación de Postos de Traballo –en vigor ao se aprobar o Presuposto Municipal deste ano- cataloga determinados postos como de libre adscripción polo Alcalde” e “Vista-las facultades de xefatura de persoal que atribue á Alcaldía o art. 21 g) da Lei 7/85, de 2 de Abril, resolvo: adscribir a don Hernán Naval Parapar” ao posto de “Director da Banda de música. Ten as funcións de dirección da Banda Municipal de Música, en virtude do convenio coa Asociación “Amadores da Música”, e funcións de dirección e docencia na Escola Municipal de Música”.
O xoves 12 de setembro, foime oficialmente entregado un requerimento asinado polo Alcalde accidental (o titular está de vacacións) que di textualmente o seguinte –sen mediar nengún tipo de encabezamento formal-: “Proceda a organizar o vindeiro curso 96-97 indicándome por escrito: grupos de alumnos (número e composición), horarios das distintas asignaturas e instrumentos, profesores especialistas necesarios, número de horas lectivas de cada asignatura e instrumento, agrupación posible de instrumentos para cada especialista, data de comezo de curso”. Este requerimento diríxese á miña persoa sinalándoa como Director da Escola Municipal de Música de Ribadeo.
Na tarde do xoves 11, varios medios de comunicación dirixironse a min para confirmar o recebemento do Decreto da Alcaldía: desde o Concello, interesadamente, fóra filtrado o dado.
Hai meses que a Alcaldía aprobou e asinou o calendario de vacacións do personal municipal: as miñas van do 15 de setembro ao 15 de outubro. José Carlos Rodriguez Andina, Alcalde de Ribadeo, non realizou nengunha manifestación pública verbo da miña dimisión como Director da Escola Municipal de Música desde que ésta lle foi presentada o 14 de xuño, hai exactamente tres meses menos un día, pero sí asegurou que a Escola continuaría funcionando e, últimamente, mesmo que o curso comezaría o 1 de outubro.
Repárese en todo canto levo dito nesta declaración e engádase e interrelaciónese estoutro dado: o Concello –non eu, que me consideraba dimitido- abriu o prazo de matrícula na Escola para o curso 96-97 o día 22 de agosto, sinalando a súa conclusión para o 4 de setembro, practicamente en período estival de vacacións. A difusión desta convocatoria limitouse a unha nota de prensa e á colocación dun pasquín na torre de publicidade institucional das Catro Calles.
E agora tirense conclusións. Sobretodo, á vista do número de matrículas rexistradas: unhas centocuarenta e cinco; delas, máis de cincuenta –as de membros da Banda Municipal- foron animadas directamente por min (nen neste sector se tiña un coñecimento consciente do prazo de matrícula). Está claro: o Concello, premeditadamente, procurou o descenso de matrícula, tal vez para obviar necesidades e esforzos. Que cada quen valore como quixer a estratéxia municipal; desde logo, non é a de quen aposta pola difusión cultural, a instrucción integral da cidadanía da xuventude para proxectos formativos e de sano esparcimento, etc.
Dimitín en xuño como Director da Escola Municipal de Música de Ribadeo por razóns que considero necesario lembrar, sequer sintéticamente. Nengunha das perentórias necesidades materiais solicitadas á Alcaldía en comenzando o pasado curso foi satisfeita. Nengunha. Os profesores colaboradores –o mesmo número que no curso 94-95, pésie a ter a Escola que atender no 95-96 a uns 175 alunos, trinta e cinco máis que no anterior- cobraron case sempre con inxustificabeis retrasos os seus emolumentos. Algúns destes profesores concluiron o curso por compromiso persoal conmigo. Cando en xaneiro deste ano solicitei formalmente da Alcaldía explicacións por todo o anterior, aldraxóuseme através dun escrito –oficial- que verá a luz no seu momento. En fin, por todo isto e por moito máis, apresentei educadamente a miña dimisión como Director do centro ao rematar o curso académico, considerando que non estaba depositada en min, en absoluto, a necesaria confianza por parte da Alcaldía para continuar ao fronte dun centro de ensino de titularidade municipal.
Éticamente non podía facer outra cousa.
Nen nas bases da convocatoria oficial para a provisión da praza de empregado municipal que gañei, nen no meu nomeamento nen na súa publicación no BOE, nen por suposto no meu contrato, nen no convenio coa Asociación “Amadores da Música” –promotora da Banda Municipal- nen en nengún outro documento se di que entre as miñas funcións estea a de dirixir a Escola Municipal de Música. Sempre pon o mesmo: Director da Banda Municipal e profesor do Conservatorio de Música ou centro homologábel que críe o Concello. Pero o Alcalde, tras calar todo o verán, bota man dun artificio legal para me obrigar a dirixir a Escola. Por Decreto. A través de requerimentos imperativos. Deixando a operación preparada antes de marchar de vacacións; apremiándome á organización dun curso académico que, segundo él, deberá comezar o 1 de outubro, cando sabe perfeitamente que eu comezo agora as miñas lexítimas vacacións. Así, cando o curso non dé comezado a andar e a situación se deteriore, a Escola perda un prestixio gañado a base de moito esforzo nos cursos anteriores, e a comunidade escolar manifeste o seu malestar, botarme a min a culpa.
En todo o verán non fixeron nada. Ou todo lles saiu mal. Ao mellor, até comprobaron que, por non atender necesidades mínimas o curso pasado, a Escola íalle costar ó Concello, en diante, o dobre ou o triple do que lle viña costando. E como non lles interesa o máis mínimo (non dá votos, é unha indesexábel heréncia recebida…), pois que a ature quen a criou e que morra con ela.
Síntome perseguido e ofendido. Houbo semanas no curso pasado que traballei perto de sesenta horas. Levo catro anos desfrutando de só quince días de vacacións ao ano, ás veces menos. Para que agora, os que non creen na Escola como centro público de ensino elemental da música, os que bramaron contra ela cando se puxo en marcha e teñen os fillos nas clases particulares, decreten que dirixa o que queren destruir. Sutilmente, pero destruir.
Non lles darei esa satisfación. Nen esa nen outra.
A primeiros de outubro, como en anos anteriores, estarei febrilmente organizando o curso. Porque mo ordenan.
Pero procurarei non defraudar a comunidade escolar, aos nenos e adultos matriculados, aos pais, porque eles si cren, coma min , na Escola como proxecto educativo.
Dirixirei a Escola pésie a que ésta non contará cos medios necesarios: das necesidades do curso pasado, o Goberno Municipal incluiu só algunhas no presuposto municipal…deste ano!.
Pero sáibase unha cousa. Considero que me asiste o direito legal a non dirixir a Escola se non quero porque o Concello a desprecia. Por iso anuncio que interporei recurso perante o Xulgado do Social de Lugo contra o decreto da Alcaldía. Se o gaño, eu non dirixirei a Escola Municipal de Música de Ribadeo pero, cun novo curso en marcha, a Escola seguerá viva polo momento.
O Decreto do Alcalde obrígame a dirixir a Escola.
Supoño de cando o asinou estaría pensando na frase que figuraba nos pórticos dos campos de concentración nazis: “O traballo faravos libres”.