Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

En apoio de Ribadeo


Esperei varios días, pero parece que a nova vai lenta. Coido que a oposición parece que frontal do alcalde ó posto de control para a entrada de Mirasol está nun certo punto morto. Como quedou dito xa dende a nosa (miña e de moitamáis xente, a parte do Tesón e a Plataforma) oposición ó recheo xa consumado en Mirasol, o Concello ten armas para parar o tema. Non vexo que o esté facendo, pero polo menos esta vez saíu del a oposición, e non se lle presionou para que o fixera. As razóns que esgrime, utilitarias, coido que non van moi aló: son as típicas razóns comerciais que sairán adiante por algún tipo de presión, pero non por xustiza. Nembargantes, non esquecín aínda como argumento a razón que coido que é principal: os dereitos do pobo a un espaco que é seu e que se lle quere comer. Son máis ou menos as mesmas razóns que se argumentaron no caso dos recheos, ou no caso do parque que se quere reformar (parece que Patrimonio polo momento os ten firmes), ou noutros casos inmateriais como a representatividade dos portavoces veciñais e a palabra nos plenos, … coido que isto merece un artigo máis amplio que tamén saia na prensa escrita. Voltarei sobre este e outros temas.
 

Un artigo sobre Hernán Naval [ver lista total na serie de artigos posteados co título xenérico de Hernán (Hernán Naval), escritos e prensa, o 17/18 de decembro].

Data: –/10/02 Fonte: Web „A Nosa terra“
Título: Seitarismo ou sensibilidade
Autor: Xosé M. Sarille
Descrición: Entre Hernán e Ucha, un arquitecto ferrolán. Unha comparación por mor da institución dun premio.
Comentarios: a día de hoxe, en procura de autorización para o posteado. Chamada á Nosa Terra e espero entrar en contacto co autor. En caso contrario, en breve será retirado.
30/12/05: autor contactado e permiso concedido.

Seitarismo ou sensibilidade

XOSÉ M. SARILLE

Hernán Naval foi un músico que dirixiu a banda de Ribadeo. Fíxoo dunha maneira diferente. Evitaba levar os seus discípulos detrás das autoridades de turno, para esmolaren un subsídio da deputación, por exemplo. Concebía á banda como unha escola; vista desde o país e sen copias do localismo español da pandeireta, que é no que caen case todas.

Organizou unha banda compacta, nova, con cen instrumentistas. Cando morreu, hai moi poucos anos, os alumnos tiveron que separar as tubas e pousar os violíns para chorar. Hernán deixou unha pegada fortísima na cidade da Mariña, mais era nacionalista e este defecto, este pecado ideolóxico, obriga a que o goberno ribadense, do Partido Popular, esqueza a súa importancia, permaneza en silencio e non mova un dedo para lembrar a súa obra, que día a día vai esmorecendo. Esgótase como en todas partes cando se van os grandes: un pouco por falta de paixón e un pouco porque non se sabe soñar máis.

A Rodolfo Ucha pásalle e o contrario que a Hernán Naval. O arquitecto ferrolán tivo sorte. Construiu nos anos da Segunda República e despois mostrouse conforme co réxime franquista. Mais como foi un grande modernista, o grupo municipal do BNG, cando era oposición, quixo que se criase o Premio Rodolfo Ucha de Urbanismo.

A idea foi rexeitada, vaia vostede a saber por que, se non é por puro seitarismo contra quen fai a proposición. Porque Ucha se vivise hoxe, seguramente simpatizase co Partido Popular. Os rexidores nacionalistas instituiron o premio neste mandato. Un concurso que é bianual e rende homenaxe ao artista.

Un bota de menos unha rota polos edificios de Ucha. Que se poida coñecer a súa obra mentres se visita o Bairro da Magdalena. Facer democracia, ser pluralista, é recoñecer a valía das persoas para alén da súa ideoloxía. Facer o esforzo de incorporar á colectividade as contribucións que axudan ao ben de todos. A negación desas obras desemboca no raquitismo social, no fastidio e na pobreza de espírito. E un gosta de saber que en Ferrol se fan as cousas ben, sen prexuízos nen patufismos. A Hernán Naval xa o recoñecerán os seus alumnos. Ademais sempre será máis fácil apreixar unha galería que un vals. A maior beleza do mundo pérdese irremediabelmenteno vento..

Ligazóns ó listado de entradas sobre Hernán (ata o momento):
 

Hernán Naval, escritos e prensa VII

Hernán Naval, escritos e prensa VI
 

Hernán Naval, escritos e prensa V
 

Hernán Naval, escritos e prensa IV
 

Hernán Naval, escritos e prensa III
 

Hernán Naval, escritos e prensa II
 

Hernán Naval, escritos e prensa I


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *