Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Ribadeo dende o parque


Dende o parque de San Francisco/Pza. de España pode contemplarse parte de Ribadeo. Aquí van catro fotos de mostra. A primeira, una vista da torre da igrexa parroquial de Sta. María do Campo, en vista lateral dende o paseo do Parque de S. Francisco. Pode observarse o tempo invernoso nas árbores peladas de follas tanto como o estilo da torre eclesial.

Outra foto é a da oficina de turismo, nun vello edificio recuperado que adorna o sitio que ocupa. Mágoa de aparcamentos de bicicletas ó aire libre para alquilalas que lle adosaron vai non moito tempo. A outra foto corresponde á beira Casa do concello – Cantón dos Moreno, feita dende o mesmo sitio que a anterior comentada, e onde se ve a degradación que supuxo o novo edificio que remata os soportais do cantón, a parte da cesión de solo público que supuxo por mor dos ditos soportais para continuar os anteriormente existentes no cantón. Completa a mostra unha foto do desmonte da carpa que m antivo o mercado do Nadal, no Parque da Pza. de España.

É que non hai de que falar estes días en Ribadeo? Nada de eso. Despois do Congreso de EnCiGa e a presentación do último (por agora) libro no IES (autores, Antonio Gregorio 🙂 e Gérard Traineau, que pronto estará dispoñible en Galifontes e nas páxinas do IES), a política segue a dar que falar.

Aínda onte José carlos Rodríguez Andina lle pedía a dimisión ó alcalde por deixarse levar/apoiar decididamente o tema da piscifactoría de Rinlo/Meirengos, e noutro lado, o meu artigo que xa está no blog dende o outro día. Pero hoxe é domingo, e desdramatizo un pouco andando polos cerros de Úbeda: o periódico trae un debate sobre a necesidade da asignatura de educación para a cidadanía (que a mín lémbrame aquelo de ‘Educación Cívica’ que era asignatura en tempos da dictadura, pero que hoxe en día podería voltar a ser necesaria pola desestruturación da sociedade actual), non aforra cometnarios sobre os 40 enfrontamentos en 48 días a que estivo sometida a brigada española en Iraq, e comenta que a comunidade de Castela e León se rasgue as vestiduras porque galiza quere incorporar no estatuto un punto parello o que ela xa ten: a posibilidade de que concellos veciños sexan integrados na comunidade tras un proceso de adhesión.

Mais? Pois que apareceron unhas cintas secretas que voltan a traer a colación a xestión inicial da crise do Prestige. Parece que non é que sexa ‘Ribadeo is different’, senón como o vello lema, ‘Spain is different’. Por algo era un lema ben traído e que deu rendibilidade turística.

A propósito, cada ano róndame pola cabeza unha idea de xeito máis forte: boicotear a presencia de Ribadeo en FITUR (a comezos de ano …) por mor do ruído nouturno; este ano, adiantouseme a cousa. Motivo? O Concello anda reclamándolle a outros concellos de A Mariña (das ‘3 Mariñas’) unha cota por gastos, e lembrei que antes presentábase xunta en FITUR toda a Mariña. Que como podo facelo? eso non o direi a menos que o faga.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *