Cando estaba en segundo de infantil perdín a miña primeira amiga por mor dun accidente de tráfico. Aínda hoxe me lembro dela. Se cadra, tendo nada máis que catro anos, o común sería esquecer ou polo menos superar o asunto mais para min foi especialmente importante xa que non conseguín facer outras amizades ata o instituto. Exacto, uns oito anos cheos de incomprensión, soidade e abusos de todo tipo.
Era unha nena bastante “especial” polo que sen axuda dos adultos érame imposible resolver o problema. Agora, tras moita terapia e reflexión sobre o tema, cheguei a comprender canto me afectaron aqueles anos no meu desenvolvemento vital posterior. Non vou negar que hai outros factores involucrados pero hoxe quero tratar este tema.
O acoso e abuso no recinto escolar son violencias moito máis frecuentes do que calquera desexaría recoñecer. Ás veces ocorre entre o alumnado e outras chega dirixido dende o profesorado. En todo caso pode destruír a confianza e a autoestima de quen aínda está comezando a debuxar as bases da súa persoa. E con todo, non se consegue mitigar o problema, deixándoo evolucionar ata a adolescencia, momento no que se ve favorecido polo acceso ás redes sociais da xuventude.
Tal e como as noticias do último mes nos contaron, trátase dunha problemática que empurra a crianzas e adolescentes a tomar decisións irrevogables acurtando o que debería ser unha longa e frutuosa vida. Por este motivo é preciso desenvolver ferramentas que nos permita abordala o antes posible.
Cando intentamos tratar asuntos tan delicados durante o período infantil atopámonos desprovistos de vocabulario ou metáforas que nos permita crear unha vía de comunicación coa cativada. Moitas crianzas carecen con frecuencia de métodos cos que transmitir as súas vivencias e incluso non as saben identificar como acoso ou abuso. Como escritora e fiadora de contos pareceume que a mellor maneira de fomentar esas conversas é a de compartir o momento máxico das historias.
Este último ano estiven traballando con Andrea Lombardía para transformar un dos meus poemas nun libro ilustrado que axudará tanto a nenos e nenas como a persoas adultas na difícil tarefa de falar sobre o acoso escolar (ou doutros tipos) e da impronta que este deixa atrás. Non agochamos a tristeza e a confusión. Non negamos a desconfianza ou evitación patolóxicas. E tampouco esquecemos mencionar o talento e capacidades que moitas veces se agochan no máis profundo das vítimas de abusos. Escribindo este conto procurei ofrecer unha guía emocional coa que explorar os sentimentos dos máis pequenos sen empregar palabras grandes.
Facendo terapia decateime de que, durante moitos anos, normalizara a tristeza e o medo como emocións da vida diaria, mesmo do minuto a minuto. Debía “adaptarme” ao grupo, “ignorar” aos abusóns e sacar un sorriso porque unha nena de catro, cinco, oito, dez anos, non ten nada de que preocuparse. Tras algún intento errado de comunicar o meu desconforto, nunha sociedade que pensa que “aos nenos hai que deixalos, que esas son cousas de cativos”, non volvín a mencionar o tema. Co tempo o meu comportamento era máis cerrado e evitativo, pero sen as preguntas adecuadas, ninguén sacaba outra conclusión que a dunha actitude pasiva ou desafiante.
As vítimas de acoso son a miúdo castigadas con tanta frecuencia como o son os abusóns. Por iso é habitual que teman confesar o ocorrido, porque non confían en que a súa versión vaia ser crida. Se cadra, un conto non semella moita cousa, un agasallo máis de tantos que reciben. Ou poida que despois de lelo falen sobre o que lle pasou a Pomba aquel día que se encerrou no faiado, do porque está tan triste agochada nun recanto. E logo recuperen a confianza porque lembran que eles e elas tamén levan a primavera no peito.
E se quen o le é un neno ou nena que acosa a outros, poida que finalmente comprendan como se senten aqueles dos que abusa e atope en Vida e no gato Mandarino a maneira de actuar para solucionar o seu erro.
Pomba, a que non era é un proxecto feito porque si, sen pensar en beneficios, pois aínda conseguindo as metas do crowfundingnon dará para mais que cubrir os custos. O meu compañeiro de vida, o meu gato particular, confiou na miña visión para este poema sen comprender como era posible transformalo en un conto ilustrado. Andrea Lombardía, sabendo que ía ser un reto, aceptou o traballo e esforzouse máis do que se lle podía pedir porque comprendeu rapidamente a importancia do que eu desexaba crear. Agora cruzaremos os dedos e rezarémoslle ao Deus de Goteo para que as contribucións chovan como o fai nun bo inverno.
Cando lle propuxemos aos coñecidos de amarinha.gal falarmos sobre solarpunk a reacción foi bastante homoxénea: “Solarqué?” No Fediverso e noutros nichos do internert, o solarpunk é coñecido, é venerado como unha fonte de esperanza e inspiración. Pola contra, no mundo cotián dun pobo costeiro do norte lucense, o termo solarpunk, aínda que teña preto de vinte anos, parece acabado de inventar.
O pasado venres 31 de outubro fixemos outra das nosas xuntanzas mensuais na biblioteca municipal de Ribadeo. Desta vez o peso recaeu sobre os asistentes quen foron partícipes dun taller de reflexión e creación de futuros optimistas.
As preguntas xurdían incluso despois de escoitar a definición
Que necesidade hai do solarpunk? É tan só un xénero artístico máis? Que relación ten co mundo real?
Vivimos nun contexto cheo de ansiedade, pola crise climático-ecolóxica e polos conflitos bélicos que aparecen como setas no outono. O sistema capitalista facilítanos caer na desesperación pois tornámonos moito máis manexables cando, como nos lembrou Antonio Gregorio durante a xuntaza, na nosa cabeza se escoitan ecos de Margaret Tatcher dicindo “there is no alternative” (non hai alternativa). Pois non, as alternativas hainas e delas se falou.
A corrente que nos arrastra trata de levarnos a un futuro de dominación xerarquizado ao estilo feudal e encorchetado polos avances tecnolóxicos enfocados no control do individuo. O benestar non se contempla se non é para a elite fomentando así un ambiente de competición agresivo e violento. Non é evidente, daquela, a necesidade do solarpunk?
Precisamos un discurso diferente que lle faga fronte a esa distopía autoimposta, que rete o imaxinario creado polos gurús tecnolóxicos, os tecnobros ou os emprendedores capitalistas que nacen cunha mina de diamantes debaixo do brazo. O solarpunk é un movemento que nos permite crear en colectivo a imaxe dunha nova sociedade que nos inspire a procurar un cambio positivo para todos. É, pois, unha alternativa á idea do fado distópico do cal nos queren convecer co fin de crear indefensión ante os abusos de poder que desexan normalizar.
No presente determinamos a dirección do futuro a través das nosas esperanzas e expectativas. O camiño que tomamos só se debuxa cando coñecemos o destino ao que desexamos chegar. Para poder construír un proxecto novo precisamos debuxar o esbozo que nos servirá de guía, do contrario arriscámonos a deambular sen sentido vulnerables aos degoiros dos avarentos.
É tan só un xénero artístico máis?
Non, é un movemento que pola capacidade de influencia que posúe deixa de ser un xénero artístico para converterse nun axente transformador. Coa transmisión do solarpunk podemos inspirar, ofrecer esperanza, despertar conciencias e iniciar procesos sociais que rematen en tomas de decisión políticas.
A arte nunca é tan só entretemento, sempre leva consigo un efecto social e neste caso falamos dun tipo de arte que como finalidade última ten a pretensión de mobilizar. De feito faino xuntando persoas de todas as idades xa que a temática non se ve afectada por un tipo de emoción asociada a unha etapa particular da vida, nin sequera se restrinxe a unha problemática social concreta, abarca con gran sensibilidade a totalidade da condición humana, pois sen esta visión holística, o movemento non podería crear un futuro sustentable e agradable para todos.
Que relación ten co mundo real?
Non é pouco frecuente que se interprete a idea de un mundo sustentable tal que o proposto polas ecotopías como unha simple ficción. Unha especie de momento inspirado no que a imaxinación esaxera as posibilidades. Moi ao contrario, o solarpunk pretende aterrar na realidade aquilo que levamos décadas contemplando e que, no entanto, non chega a entrar nos debates predominantes.
Autor: Taylor Seamount CC BY-SA 4.0 https://storyseedlibrary.org/es/art/lino-zeddies-cologne-2048/
Trátase de ofrecerlle un lugar ás preocupacións reais que a poboación, as súas necesidades ou as solucións suxeridas dende a base. O progreso tende a ser entendido como algo ditado pola clase dirixente quen se asume sabe mellor que ninguén o que precisan os seus cidadáns, mais sabemos que sen escoita activa as intervencións acostuman a tratarse dunha combinación de accións políticas que responden máis aos intereses dun partido que ao dos seus votantes. O solarpunk precisamente trata de solucionar iso, a través dunha expresión artística dálle voz ao pobo ao tempo que pon sobre a mesa solucións ignoradas a pesar da súa viabilidade.
Áreas a cambiar, aquilo que protexemos e o coñecemento que transmitimos
Como vos contaba antes, o taller do pasado venres recaeu na creatividade dos presentes. Como primeiro exercicio proposto (e único realizado pola abundante participación e a consecuente falta de tempo) suxerín explorar tres preguntas que me axudan a cuestionarme a sociedade actual cunha visión construtiva. Anímovos a que as respondades vós mesmo, e se é en compaña, aínda mellor.
Cales son as áreas que desexamos cambiar?
Que desexamos protexer?
Que coñecemento desexamos transmitir?
Non pensedes que estas preguntas son escollidas ao azar. Cavileinas un bo pedazo. Non quería que a discusión se centrase na queixa, costume moi arraigada no capitalismo ou no cristianismo e que nos come por dentro sen permitirnos avanzar. Tampouco podemos falar do futuro que desexamos sen criticar o presente dalgún xeito, por iso pensei en “áreas que desexamos cambiar” xa que ao tratarse de áreas afastámonos da indignación persoal e achegámonos máis á colectiva.
Considerei importante reflexionar sobre o que “desexamos protexer” porque acostumados a un sistema estractivista é fácil esquecer aquilo que é importante e merece ser conservado para sacrificalo sen escrúpulos ante a posibilidade dun novo luxo innecesario. Centrar a conversa na base que sustenta ao ser humano e á vida en xeral é a forma de que se tome a crise climática e ecolóxica en serio.
A última pregunta, “que coñecemento desexamos transmitir”, fai referencia ao caos informativo no que vivimos, á perda de sabedoría que sufriu a humanidade debido ao colonialismo e á discriminación do coñecemento segundo este sirva ou non ao capitalismo. Recapacitar sobre a repercusión que terá aquilo que lle ensinamos aos máis novos, daquilo que deixamos plasmado en papel ou o que compartimos en masa.
Os produtos da escoita activa
Ao final deste artigo comparto convosco as achegas que fixeron os e as participantes do obradoiro. A maior parte delas abriron conversas que cruzaron a mesa intercambiando perspectivas que ían dende a visión dun rapaz de 17 anos á experiencia dunha muller de 85 anos, e por suposto, moitas outras entre medias. O respecto e o interese xenuíno pola opinión allea foi o ingrediente estrela xerando un ambiente cómodo para contribuír á actividade.
Despois de algo máis dunha hora intercambiando ideas fixemos un repaso coa intención de concretar as solucións. Para iso empreguei unha listaxe persoal que preparei como exemplo e na que tratei de incluír todas as necesidades básicas do ser humano así como as súas diferenzas. Fíxeno inspirada no plantexamento que Ecoloxistas en Acción empregou para o material didáctico que desenvolveron no último ano baixo o nome de “Nova Cultura da Terra”.
Os sete puntos que me escollín para crear un futuro optimista ao estilo solarpunk son os seguintes:
Consumo de enerxía eficiente segundo as necesidades básicas da poboación
Protección da auga: subterránea, ríos, océanos, dereito a auga
Un deseño territorial que acompaña os límites ecosistémicos
Dereitos básicos asegurados a través dunha distribución igualitaria dos recursos (limitados) do planeta
Diversidade como fortalecemento (social e de especies)
Espiritualidade enfocada nunha relación de equilibrio co resto da natureza
Educación emocional e comunicativa como pila dunha política de convivencia respectuosa
Ao afondar neste punto cada persoa sairá con solucións diferentes que se poden compatibilizar. Como vos adiantara, a continuación está a listaxe de propostas que se fixeron durante o taller. Veredes como os últimos dous puntos da miña listaxe son os que reciben máis atención. Irónicamente, na era do avance tecnolóxico o último que semella que precisamos é máis tecnoloxía. Pola contra, a maior parte dos retos que enfrontamos gravitan ao redor do vínculo humano coa natureza e consigo mesmo.
Espero que non vos deteñades só na lectura destas ideas senón que as tratedes de colocar en cada un dos puntos e incluso engadades as vosas propias. Incido novamente en que o podedes facer mellor en compaña, durante unha clase ou cos socios do voso colectivo favorito. Canto maís falemos das posibilidades que ofrece o futuro e nos deixemos de fatalismos, máis preto estaremos de poder dar ese cambio que desexamos, precisamo, e sobre todo, podemos levar a cabo.
Creación diversa e local de roupa ou música, por poñer un exemplo de produto artístico. Dar valor ao arte como propósito.
Prestarlle máis atención ás persoas maiores (avós e avoas) como ás novas xeracións.
Reducir o ruído ambiental que acompaña a todo tipo de celebracións e actividades.
Cambiar a visión sobre os coidados, velos máis como unha oportunidade e algo do que aprender. Non só na familia ou lugares específicos, estender os coidados a todos os ámbitos da vida en sociedade.
Fomentar o pensamento crítico da xente, reflexión sobre o que se nos está a ofrecer ou o que facemos no día a día (protección de datos nas redes, por exemplo).
Cuestionar a necesidade da dixitalización e determinar que casos son máis ben unha Imposición.
Educación na reutilización e en compartir dende nenos(compartir/herdar/prestar libros, roupa, xoguetes…)
Maior comunicación entre persoas e comunidades proporcionándolle máis espazo ao desenvolvemento da intelixencia emocional e os valores compartidos e claros. Relacionarse sens transaccións económicas. Abordar con máis preocupación o tema dos nenos con móbiles dende bebés.
Transmisión de vivencias da xente maior. Familia, veciños e vínculos en xeral. Fomentar a tradición oral como ferramenta para crear e fortalecer relacións.
Cuestionar a esixencia de tomar partido en polos opostos e fomentar a conciliación entre distintos puntos de vista.
Afastarse do positivismo por ser unha imposición e superficial. Permitir sentir diferentes emocións segundo as circunstancias.
Educar de xeito ameno para xerar maior motivación e así alimentar os talentos dos alumnos. Reducir o número de contidos. Dar liberdade aos profesores fora das notas.
Fomentar talentos individuais e diversos.
Incluín no currículum universitario materias que che ensinen a defenderte no mundo e a xestionar a vida.
Importancia da persoa por riba da profesión. Dar importancia ao que cada quen quere ser ou como enfocar a vida e eliminar a xerarquía social segundo o tipo de traballo que se fai.
Menos individualismo, dar importancia ao que afecta á xente do entorno incluso se non os coñeces ou non compartes as mesmas problemáticas.
Moitas grazas se chegache aquí. Espero terche removido un pouco o miolo ou polo menos xerarche un pouco de esperanza.
A miúdo confúndese a abundancia do luxo coa creatividade cando en realidade se trata dunha escolla consumista carente de creación. Non podemos deixarnos enganar por gaiolas de ouro. Repítese con frecuencia esa frase inatribuíble de que o artista é aquel que baila encadeado, porén esa cita non ten en conta as gaiolas de ouro, que son as cadeas da liberdade artística e non as áncoras para mirar o mundo con outros ollos como esa expresión filosófica pretende ilustrar.
O exceso (o luxo) non é arte porque, de feito, é o contrario. Axústase á cultura hexemónica que é o capitalismo e por tanto non transgride as normas sociais ou os canons de beleza. É unha farsa interpretada para aqueles que perderon o contacto coa esencia do ser humano e buscan na opulencia como cubrir un oco que levan no peito. Xustificalo con flores, enchelo de chocolate, anestesialo coa temperatura precisa para a estancia, aloumiñalo coa textura perfecta das sabas. Máis, máis e mellor. Nunca é suficiente para saciar o becho que todo o consume.
Tampouco a elegancia que responde a unhas regras preestablecidas pode ser arte, simplemente, porque non di nada. Máis ben oculta. Agocha a verdade do corpo espido que todos somos e poucos aceptan. Trátase dunha demarcación de territorio social para mostrar a xerarquía que nunca intenta descompoñer. Unha máscara que nos impide ver a autenticidade, aquilo que é o máis fermoso.
A beleza do detalle fóra de lugar, das liñas tortas, das engurras onde non deberían estar, pérdese entre os espellismos do luxo e da elegancia. Que fácil é pagar con diñeiro unha estética segura, un deseño que no seu aire arriscado nunca reta o status quo nin se enfronta ao perigo que supón non ser aceptado. Sinxelo é que outros dean a súa enerxía para escoller os trazos, os fíos, o papel; mentres o carto, os “carteirados”, deciden se iso é profesional ou amateur. Acaso o artista deixa algunha vez de ser amateur? Acaso o artista verdadeiro convértese algunha vez en profesional? A arte non responde a profesión ningunha, dá igual a como se paguen o papel, o fío, o trazo.
O luxo non é arte, nin a pode enxendrar. A arte reside na relación do humano co seu entorno, e o luxo é a manifestación do individualismo consumista, a forma máis exacerbada de alienación que existe na sociedade, pois estando aí e sendo tan agresiva, semella que a maioría é incapaz de vela progresando na latencia coma un virus famento.
A inspiración tampouco está no luxo. Non está nunha comida feita por un xefe de cociña profesional, nin en necesidades cubertas por pequenos seres máxicos que pululan sobre nós. Está nun xantar feito con amor e servido cunha conversa interesante. Está en recoller e dobrar con demora e delicadeza a roupa quente que secaba baixo o sol de verán. Buscar esa mácula imborrable que resiste os lavados, que te frustra pero que tamén che recorda que todos temos marcas que nos afean pero que non nos fan menos válidos.
A inspiración está na mensaxe que desexa ser emitida, na historia que precisa ser contada, no mutismo que se revela estrondoso cunha mirada. Non espera na paisaxe idílica. Aparece entre a sucidade do barro que foi esquecido e do que se constrúe o corpo humano. Xorde entre as herbas machacadas que gorecen insectos pegañentos. Un ruído de movemento entre o lixo de reciclaxe, crear tensión e logo alivio ao ver que se trata só da falta de equilibrio dun cartón de leite pouco esmagado. A perfección nunca foi signo de fermosura, pois adormece os sentidos, deshumaniza, convértenos en androides que non lle atopan significado ao cosmos senón que repiten o que anteriormente foi premiado; porque a perfección non acepta o fallo e sen os erros non se atopan novos camiños que nos fagan ver o mundo doutro xeito.
A perfección sempre foi o lenzo que con aleivosía se racha para atopar nel a fermosura pendurada dunha da súas fibras. O luxo ás veces busca ofrecer esa mesma sensación pero faino cun estudo previo daqueles detalles que no pasado foron considerados artísticos esquecendo que se trata da decisión aventurada e emocional de rachar o lenzo o que eleva a ese fío pendurante á categoría de arte. Se rachas coa tea e tiras do fío para que sobresaia só porque esperas vender o produto a bo prezo deixa de ser arte e convértese nunha compracencia do sistema consumista.
O luxo é pois antagonista da arte. Non falo de ter unhas necesidades básicas cubertas, falo de ter tanto que esquezas como escoitarte, de como escoitar aos que che falan tratando de comunicarse. O antagonismo diabólico que impregna ao luxo impregnou a sociedade e camuflouse transformando pouco a pouco a nosa cultura para convertela nunha especie de ecosistema que manteña a súa existencia, a existencia do exceso e da ideoloxía individualista facéndolle crer aos artistas incipientes que sen moito fasto non se pode crear.
A vida creouse da nada. A comunidade, da ausencia de relacións. A historia, do silencio. Pero sempre escoitándose a un mesmo e o seu arredor.