Que pasará cando as empresas de IA cobren regalías?

O individuo pode empregar un modelo de linguaxe longo (LLM) con liberdade ata que se lle pida asinar un contrato de colaboración no que unha cláusula o obrigue a pagar regalías por cada unidade distribuída. Daquela, o único beneficiado dos avances da intelixencia artificial será o dono dese modelo de linguaxe.

Unha táctica xa inventada

Podería semellar paranoico dicir que o agasallo que nos están a facer estas empresas está envelenado. Un caramelo cheo droga que se reparte de forma gratuíta co fin de facernos adictos como para depender deles a longo prazo. Elon Musk aseguraba que levaría o internet a todas as esquinas do mundo para que ninguén se vise privado del. Agora temos o firmamento cheo de satélites e aqueles que non desfrutaban da conexión internauta seguen a ter falta dela. As promesas son fáciles de vender, no entanto, son moito máis difíciles de manter.

A expresión de “embrace, extend & extinguish“, en galego coñecida como “abrazar, estender e exterminar”, é unha estratexia de mercado desenvolta e empregada internamente pola compañía Microsoft. A súa aplicación ten como intención adoptar alegremente un estándar en voga, neste caso podemos falar da implantación da IA, seguidamente facilitar a súa diseminación entre os usuarios ofrecéndolles algunha funcionalidade non compatible co estándar adoptado e, posteriormente, cando a maioría de consumidores se acomodan a esta funcionalidade, marxinalizan aos pequenos competidores ata que eliminan a súa presencia do mercado.

Agora estamos a “desfrutar do primeiro paso”. Ese momento no que as grandes empresas ofrecen os seus produtos con lixeireza e suposta xenerosidade. Pronto comezaremos a ver como os usuarios se farán dependentes desta tecnoloxía para desenvolver os seus traballos. O último chanzo sentirase con moita frustración. Coa mesma coa que moitos pelexan a diario por precisar de redes sociais fascistas para promover o seu traballo ou de pagaren infinitas subscricións a servizos elementais para a xestión das súas pequenas empresas, por non mencionar aos autónomos; dificultando a mellora e estabilidade económica da que gozan.

Empregar a IA para non ficar atrás

Comprendo o temor. O teu compañeiro aprende a empregar unha nova tecnoloxía e ti non. Aos poucos meses hai que botar a alguén… E claro, serás ti. É unha reacción natural, porén non de todo lóxica.

Lembro cando o emprego de buscador de Google se fixo vox populi. De súpeto, todos podíamos acceder a montes e moreas de información en cuestión de segundos. Máis ou menos a mesma sensación que teñen moitos ao observar a evolución da IA. Agora xa non precisaremos perder tanto tempo buscando información. Abonda con preguntarlle as cousas do xeito adecuado a Don Google. Temos que actualizarnos e aprender a procura avanzada e por tesauros… Por que me soa iso moito aos prompts? Será que hai algunha semellanza?

Apareceron os motores de busca pero non desapareceu o traballo xenuíno do investigador que pasa horas desempoando textos, literal ou figuradamente. Si que proliferaron os artigos pseudoxornalísticos escritos por unha motivación produtiva pero a verdadeira procura e transmisión do coñecemento segue a ser un reto. A necesidade dunha mirada crítica á hora de discernir unha información doutra cobrou, se cadra, debido á inmensa cantidade dispoñible, aínda máis relevancia. Por suposto, asumindo que o que estamos a discutir é un traballo ben feito.

Se do que estamos a falar é exclusivamente dun soldo, daquela a cousa cambia. Se non priorizamos a calidade do que facemos, se a achega social do noso esforzo non é de importancia e só valoramos o resultado en termos produtivos, os matices cambian. Nese caso, podemos celebrar que acabamos máis axiña. Aínda así, se o que che preocupa é a perda de traballo non o vería como unha competencia entre compañeiros senón máis ben dunha unha ameaza dirixida dende as grandes fortunas propietarias dos modelos de IA e outros grandes capitalistas, cara aos seus empregados e a clase traballadora en xeral. A acentuación da desigualdade social, por moi formados que esteamos, vai afectar ao cidadán medio notablemente. Nós podemos loitar por manter os nosos postos de traballo aproveitando a desvantaxe dos que non se actualicen en IA, mais non debemos deixar de preguntarnos que pasará cos nosos fillos, cando todos sexan educados por igual no emprego desta ferramenta para deleite exclusivo das clases altas.

Producir máis, todo o tempo

O individuo, para o sistema capitalista, non é só un traballador, tamén é un consumidor. Polo tanto, cando o que consumes se abarata, os teus resultados tamén sofren un abaratamento, e a túa forza de traballo desprézase. Cando empregamos unha IA LLM para acelerar o noso traballo e así ser máis competitivos no mercado laboral, estamos contribuíndo a que o noso tempo diminúa de valor, facendo que precisemos sacar adiante unha maior produción para obter o mesmo beneficio económico. Se a iso lle engadimos a dependencia da IA que experimentaremos e que pagaremos con facturas mensuais… É dicir, as contas non saen.

Por agora é fácil ver como nos axuda a axilizar certas tarefas, pois esa capacidade tena, e eu non a estou negando. Trátase máis ben de engadirlle a esta tecnoloxía o comportamento humano que a vai dirixir. Da Papaver somniferum sácase un dos analxésicos máis potentes que existen, a heroína ou morfina, aliviando o sufrimento de moitos pacientes. Iso non lle impediu ao imperio británico crear unha crise de saúde pública en China durante o século XIX co fin de “defender” os seus intereses comerciais na zona.

A idea de que os que cheguen últimos chegarán tarde non é de todo acertada. Serán uns anticuados, si, mais os que cheguen tarde, poida que sexan tamén os que cheguen coa súa capacidade de razoamento crítico intacta e con pouca dependencia desas doces drogas tecnolóxicas que, por agora, agasallan.

Reaccións do Fediverso

Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *