O pasado día 5 de decembro celebrouse unha nova edición da xornada Arredor do Rural organizada pola USC e a Fundación Juana de Vega. A xornada tivo como obxectivo “achegar a xente que se está formando na Universidade ao medio rural” dixeron os organizadores Ana Cabana e David García.
Este ano tivo lugar no campus de Lugo e ofreceu os servizos de Xuvenlab para cubrir as necesidades de conciliación das participantes. A temática centrouse nas “aprendizaxes dende as voces das mulleres” tendo poñentes tan experimentadas como Mar Pérez Fra (economía aplicada) ou Elena Freire Paz (antropoloxía do S.XXI) que nos puxeron ao tanto da situación actual da muller rural.
“Que atendan á diversidade da muller no rural”
Durante a xornada fíxose moito fincapé en “deixar de asociar o rural con persoas pobres, vellas e analfabetas” como mencionou Luz, representante de Amarelante, cooperativa de cultivo ecolóxico e sustentable de castañas localizado en Manzaneda. As mulleres do campo tamén son enxeñeiras, profesoras, economistas, doutoras, informáticas, díxose repetidamente poñendo de manifesto a frustración coa imaxe negativa que se da do campo tanto nos medios de comunicación escrita como no audiovisual galego. Cando se lle pregunta sobre este tema, Bea, socia da cooperativa feminista Arabías, demanda “que atendan á diversidade da muller no rural” xa que “non é unha soa”.
Mar Pérez propuxo “mudar a ollada para deixar de ver o rural como un problema e falar del como unha oportunidade”. A súa experiencia en políticas de desenvolvemento rural levouna a observar unha deficiencia na xestión do territorio que non lle permite o aproveitamento do mesmo por parte dos habitantes xa que se precisan “liñas de actuación pública diferentes ás que se fan noutros lugares” como é o ámbito urbano.
Así o corroboraron as representantes da Asociación de Produtoras Eo Alimenta e da Asociación Darredor quen atopan frecuentes retos coas axudas e subvencións que no se adecúan á realidade do traballo e da poboación rural. “Existe un gran descoñecemento da realidade territorial, Galicia é algo máis que as sete cidades” explica Tamara do CDR Portas Abertas de Vilardevós. Desexan unha maior implicación co rural por parte dos funcionarios asignados á súa xestión, quen con frecuencia non residen no campo nin se achegan a el para tomar as decisións que o poden transformar. “Hai unha falta de fe por parte da administración” á hora de crer na viabilidade dos nosos proxectos, expresou Dora (Asociación Darredor).
“A burocracia é horrible, tremenda, insufrible, horrenda”, confesou a representante de Amarelante quen recibir o apoio e asentimento das demais participantes. Os pequenos produtores atopan desafíos constantes cando tratan de levar a cabo os seus proxectos en colectivo, comezando por o financiamento e continuando pola xestión administrativa de mantemento.
No referido ás institucións locais, Luz (Eo Alimenta) pide “que os alcaldes do rural se involucren máis na realidade da vida dos seus habitantes” para que así os produtores locais o teñan máis fácil para asociarse. Dora recoñece que o proxecto Darredor foi posible grazas a unhas “circunstancias moi favorecedoras” as cales teñen moito que ver con que “o concello de Brión quixo promover espazos de uso social”.
“A burocracia é horrible, tremenda, insufrible, horrenda”
O público tamén participou nos faladoiros e tivo a oportunidade de conversar xerando novas redes entre os emprendedores do rural do presente e do futuro. O ambiente non só era cordial senón que se notaba unha intención de colaboración e apoio mutuos. A asistencia era maioritariamente feminina o que corresponde cos datos ofrecidos por Elena Freire na súa intervención que ao estudar quen está a crear e a manter o tecido social do rural atopouse con que o mérito recae na muller. “Somos as lareteiras”, chancea, “mais é por iso polo que creamos relacións sociais”.
Deixa unha resposta